O CONCELLO PROXECTA A MELLORA INTEGRAL DAS BEIRARRÚAS DA RÚA ALCALDE FERREIRO

O CONCELLO PROXECTA A MELLORA INTEGRAL DAS BEIRARRÚAS DA RÚA ALCALDE FERREIRO
Xoves 14 de Decembro de 2017 - intervención complementarase coa reposición da rodadura desta calzada, para mellorar substancialmente unha rúa que conta cunha alta densidade poboacional e con gran actividade comercial. O concello conta para este proxecto cun orzamento de 54 mil euros da liña 1 do Plan de Concellos da Deputación. As beirarrúas reconstruiranse totalmente coa instalación de novas lousas, cuxo deseño terá continuidade coas xa existentes na rúa D.

O Concello de Lalín continúa poñendo en marcha proxectos en aras de mellorar a accesibilidade, a seguridade viaria e a mobilidade urbana. Dentro destes obxectivos, o concelleiro de Obras, Francisco Vilariño, anunciou hoxe unha nova actuación, que neste caso afectará á rúa Alcalde Ferreiro, onde se acometerá a reposición e mellora integral das beirarrúas de ambas marxes. O edil lembrou que este proxecto complementará o xa anunciado de renovación da capa de rodadura que tamén se levará a cabo nesta vía, completando así dúas ambiciosas actuacións que rehabilitarán o conxunto da rúa e renovarán o seu aspecto por completo.

Francisco Vilariño supervisou esta mañá o estado das presentes beirarrúas de Alcalde Ferreiro, destacando que “están na súa maior parte en moi mal estado, sobresaíndo un treito de 40 metros que soamente presenta formigón, sen acabado de plaqueta”. Na zona tamén se poden apreciar roturas e pequenos afundimentos que provocan que case toda a beirarrúa se atope nun estado moi deteriorado, non acorde cunha rúa tan habitada e con tanta actividade comercial. O Concello de Lalín dispón dun orzamento total de 54.000 euros para a execución desta obra.

Os fondos” - explicou o concelleiro- “pertencen á liña 1 do Plan de Concellos da Deputación de Pontevedra e son os que os que se ían destinar ao traslado da oficina de turismo a un local sen uso do Castro Tecnolóxico”. “Non obstante” -continúa- “solicitamos o cambio de proxecto ao considerar que actualmente ten maior prioridade a rehabilitación da rúa Alcalde Ferreiro”. De todos os xeitos, o proxecto de traslado da oficina de información turística non se desbota, senón que continúan en pé, polo que tal e como explicou Vilariño, “dende o Goberno xa estamos traballando para conseguir por outra canle o diñeiro co que executar esta actuación que tamén consideramos importante”.

Así, as actuacións a desenvolver nas beirarrúas da rúa Alcalde Ferreiro levaranse a cabo mediante o levantado da plaqueta actual e do bordo de formigón para colocar posteriormente novas lousas rectangulares, así como novos bordos. O deseño das novas lousas non seguirá o actual, xa obsoleto, senón que serán de formigón e forma rectangular, dando continuidade ás xa existentes na rúa D. Para a execución deste proxecto será preciso realizar demolicións e pavimentacións botando man de medios mecánicos tamén para a retirada do escombro.

O concelleiro titular de obras fixo fincapé en que esta intervención “vai na liña doutras tamén proxectadas para o casco urbano, que van ter especial incidencia e visibilidade de cara o ano que vén noutras vías urbanas como a rúa Xesteira, a F, a rúa Calzada etc”. Para o edil “as obras anunciadas encaixan dentro da filosofía de modelo urbano que busca o Goberno de Lalín, no que as inversións van sempre en beneficio das persoas”. Asemade, esta actuación responde ao interese do Goberno por mellorar unha rúa céntrica cunha alta densidade poboacional e con gran actividade comercial, que une, ademais, outras dúas calzadas de relevancia dentro da trama urbana lalinense (rúas D e Melide). O edil destacou que o proxecto será moi ben recibido por veciños e comerciantes e, xunto coa pavimentación e o recente cambio de luminarias, mellorará substancialmente as condicións dunha rúa que non presenta un bo estado de conservación e que acumula anos sen melloras, motivo polo que é preciso intervir con rapidez na súa recuperación.

Finalmente, Francisco Vilariño puxo de relevo “o esforzo inxente do Goberno municipal por mellorar a accesibilidade e a mobilidade, con multitude de proxectos deseñados e postos en marcha como non se lembraba en Lalín, dentro do noso firme compromiso político para avanzar no obxectivo de que o noso municipio sexa un dos máis accesibles de Galicia”. 

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín