O CONCELLO PROXECTA A HUMANIZACIÓN E MELLORA INTEGRAL DA RÚA CALVO GARRA

O CONCELLO PROXECTA A HUMANIZACIÓN E MELLORA INTEGRAL DA RÚA CALVO GARRA
Venres 6 de Xullo de 2018 - Vilariño explicou que a actuación resume a filosofía do Goberno “con respecto ao que ten que ser o hábitat dunha vila na que os cidadáns teñen que ser os protagonistas e non os coches”.

O concelleiro de Obras, Francisco Vilariño, presentou esta tarde acompañado polo arquitecto Luís Fernández, o proxecto de acondicionamento e humanización integral da rúa Wenceslao Calvo Garra. Trátase dunha vía de 110 metros de longo cun importante desnivel que se vai dotar na súa totalidade dun novo acabado co que se logrará mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade. A humanización levarase a cabo de maneira principal transformando a rúa nunha plataforma única para que se converta nun espazo máis acolledor e habitable. Como explicou o arquitecto que deseñou o proxecto, pensando tanto na veciñanza como nos actuais usos da rúa, na actuación decidiuse prescindir dunha das marxes de estacionamento, concretamente, da situada ao lado norte. Non obstante, seguirán existindo os mesmos “carga e descarga” e seguirá sendo de dirección única. As beirarrúas ensancharanse ata os 3 metros, cunha zona de estacionamento de 2 e medio e un carril de circulación de 3. O proxecto tamén inclúe melloras nos servizos urbanos, xa que se vai mellorar a recollida de augas pluviais e deixaranse previstas canalizacións para o soterramento dos cables de alumeado eléctrico e telecomunicacións, o que a mellorará esteticamente.

En relación aos acabados buscouse ir a cores claras, xa que a rúa pasa boa parte do día á sombra. Así, a calzada acometerase con formigón “desactivado” que quedará cunha textura similar á dun camiño e non perfectamente lisa, senón con lixeiras rugosidades. Doutra banda, buscouse darlle máis vistosidade á rúa debido á súa significación no casco urbano, mediante franxas de granito silvestre transversais ao longo da calzada que ao mesmo tempo servirán para modular as prazas de estacionamento. Isto combinarase con franxas de cuarcita e lousa verde que marcarán a linealidade que se require para os pasos de peóns e finalmente as lousas principais das beirarrúas serán substituídas para colocar outras similares á da rúa Ferrín Moreiras. Por último, dotarase a vía de pivotes de seguridade que emitirán unha luz regulable.

Francisco Vilariño sinalou que dende o Goberno se observou a necesidade de actuar nesta rúa por ser “seguramente a que en peor estado se atopa das céntricas do noso casco urbano”. A intervención vai formar parte do paquete de acondicionamentos de rúas do casco urbano que está proxectado, aínda que a esta actuación se lle quixo dar “un protagonismo especial pola súa relevancia”. Vilariño explicou que a actuación resume a filosofía do Goberno “con respecto ao que ten que ser o hábitat dunha vila na que os cidadáns teñen que ser os protagonistas e non os coches”. O concelleiro explicou que as prazas que se van perder de aparcamento pola necesidade de anchear as beirarrúas “se gañan multiplicadas por 3” na nova área de estacionamento que se vai construír nas proximidades dos xulgados. O titular de obras finalizou informando de que o orzamento da actuación ascende a 223.311,91 euros procedentes da liña 1 do Plan de Concellos da Deputación. O Goberno xa está traballando na súa licitación e axilizará os trámites todo o posible co obxectivo de que poida estar desenvolvido antes de finalizar o ano.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín