O CONCELLO PROGRAMA UN CICLO DE CHARLAS POLO RURAL SOBRE O “CATASTRAZO”, CONTINUANDO COA CAMPAÑA INFORMATIVA SOBRE ESTE PROCESO

O CONCELLO PROGRAMA UN CICLO DE CHARLAS POLO RURAL SOBRE O “CATASTRAZO”, CONTINUANDO COA CAMPAÑA INFORMATIVA SOBRE ESTE PROCESO
Venres 1 de Septembro de 2017 - O programa informativo desenvolverase do 2 ao 7 de setembro chegando a todas as parroquias do municipio e será impartido polos concelleiros de Facenda. Ante o escaso prazo para realizar alegacións e para poder chegar a todas as zonas, as sesións realizaranse agrupando parroquias tendo en conta a localización e o aforo dos centros sociais. O Goberno segue encabezando a facilitación de asesoramento sobre o proceso “tendo en conta que a cidadanía está absolutamente indefensa ante esta situación”.

O Goberno de Lalín continúa actuando de xeito pioneiro á hora de asesorar á cidadanía sobre o proceso de regularización catastral impulsado polo goberno central dende Madrid e de obrigado cumprimento para as administracións locais. Logo de activar un servizo de información á cidadanía no ORAL e promover unha charla co sindicato Unións Agrarias, entre outras iniciativas, os concelleiros de Facenda acaban de anunciar que durante os próximos días se desenvolverá un novo ciclo de sesións informativas sobre o “catastrazo” polo rural coa finalidade de continuar prestando axuda aos particulares afectados por este proceso.

Francisco Vilariño e Teresa Varela apuntan que esta nova serie de charlas se leva a cabo en vista da enorme demanda de información que existe sobre a regularización catastral, principalmente no rural. “Esta regularización é totalmente allea ao Concello” -remarcan os concelleiros- “e vén imposta polo Ministerio de Facenda de Montoro con exclusivo afán recadatorio”. “Polo tanto” -proseguen- “o mínimo que podemos facer dende o Goberno é axudar o máximo posible á cidadanía, indefensa nesta situación, poñendo á súa disposición todos os nosos medios para atender as súas demandas e consultas”. Este ciclo de sesións informativas abertas ao público ponse en marcha coincidindo coa chegada aos domicilios dunha nova remesa de notificacións.

O programa informativo desenvolverase do 2 ao 7 de setembro chegando a todas as parroquias do municipio. Como explicaron os concelleiros de Facenda, as sesións levaranse a cabo de xeito cronolóxico e agrupando parroquias tendo en conta criterios xeográficos de proximidade, así como o aforo de cada local social, buscando sempre que poidan asistir o maior número de persoas posible. Así mesmo, aclaran que, tendo en conta que o prazo para realizar alegacións é de 15 días, só sería posible chegar a todos os puntos do rural coa suficiente antelación concentrando varias parroquias en cada charla. “Hai un prazo moi breve para reclamar unha vez recibida a notificación, polo que imos moi xustos de tempo e só é posible realizar as charlas con eficacia agrupando parroquias”, sinalan Vilariño e Varela, que inciden, ao mesmo tempo, en que “para organizar o programa se tivo en conta a localización de cada centro social e a súa capacidade”.

O ciclo dará comezo este sábado, ás 11.00 horas, no local social de Cercio. A esta sesión están chamadas a participar as veciñas e veciños de Cercio, Galegos, Val, Camposancos, Cello, Palio e Rodís. O mesmo día, ás 12.45, o auditorio de Muimenta acollerá a sesión destinada aos veciños desta parroquia así como aos de Cangas, Cadrón, Parada, Alperiz e A Veiga. Xa pola tarde, ás 17.00 horas, o “teleclub” de Losón reunirá á veciñanza desta parroquia e da de Busto.

O domingo, día 3, terán lugar outras 3 charlas: No local social de Maceira, ás 11.00 horas (Maceira, Alemparte, Alvarellos, Castro de Cabras). Local social de Sello, 17.00 horas, (Sello, Palmou, Erbo, Fontecabalos). Local social de Bermés, ás 19.00 horas (Bermés, Méixome e Santiso).

O calendario continúa o luns, 4 de setembro:

Local social de Donramiro, ás 20.00 horas, (Donramiro, Donsión e Botos). Local social de Vilanova, ás 21.30 horas, (Vilanova e Doade).

Martes, 5 de setembro:

Local social de Cristimil, ás 20.00 horas, (Cristimil, Gresande e Anseán).

Local social de Moneixas, ás 21.30 horas (Moneixas e Castasós).

Mércores, 6 de setembro:

Local social de Filgueira, ás 20.00 horas, (Filgueira e Bendoiro).

Auditorio de Vilatuxe, ás 21.30 horas, (Vilatuxe, Barcia, Soutolongo, Lodeiro, Lebozán e Zobra).

Xoves, 7 de setembro:

Local social de Noceda, ás 20.00 horas, (Noceda, Anzo, Madriñán e Prado).

Local social de Goiás, ás 21.30 horas, (Goiás, Xaxán e Lalín de Arriba).

Os concelleiros de Facenda animaron a toda a veciñanza do rural a asistir ao ciclo programado polo Concello e que será impartido persoalmente por Francisco Vilariño e Teresa Varela. Os edís explicarán en que consiste o proceso de regularización catastral impulsado polo goberno central e aclararán todas as dúbidas e preguntas que formulen os asistentes sobre esta cuestión. O Goberno de Lalín segue encabezando a facilitación de información e o asesoramento sobre o citado proceso “tendo en conta que a cidadanía está absolutamente indefensa ante esta situación, contando só con 15 ridículos días de prazo para realizar alegacións e sen ter, de xeito maioritario, a formación suficiente para interpretar correctamente as comunicacións”.

Roteiros de Lalín