O CONCELLO PROGRAMA NUMEROSAS ACTIVIDADES DESTINADAS AO FOMENTO DA LECTURA AO ABEIRO DA INICIATIVA “LER CONTA MOITO”

O CONCELLO PROGRAMA NUMEROSAS ACTIVIDADES DESTINADAS AO FOMENTO DA LECTURA AO ABEIRO DA INICIATIVA “LER CONTA MOITO”
Mércores 10 de Maio de 2017 - A concellería de Cultura, a través da Rede Galega de bibliotecas Públicas, recibiu unha achega de 850 euros para a organización das diferentes propostas. As actividades diríxense a nenos e nenas e terán lugar nos meses de maio, xuño, xullo e outubro.

O Concello de Lalín, a través da concellería de Cultura, vén de pechar o calendario de actividades dedicadas á dinamización da lectura entre os nenos e as nenas acolléndose ao programa “Ler conta moito” da consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Como informou a titular de Cultura, Lara Rodríguez, Lalín recibiu unha achega de 850 euros para acoller actividades deste programa que terán lugar nos centros pertencentes á Rede Galega de Bibliotecas Públicas de Galicia, na que está inscrita a Biblioteca Varela Jácome. O Concello sumará a esta cantidade 590 euros mais, que servirán para organizar un total de 4 actividades nos meses de maio, xuño, xullo e outubro, respectivamente.

Soledad Felloza con “Unha viaxe ao mundo de Carlos Casares”, estreará o calendario “Ler conta moito” o sábado, 13 de maio, a partir das 11.30 horas. Esta función está enmarcada na programación cultural de maio, o mes das Letras Galegas e, a través das historias de Carlos Casares, os participantes -nenos e nenas de 4 a 11 anos- realizarán un percorrido por un universo creado a partir de feitos cotiás, que se volven máxicos nun intre. A actividade, de balde ata completar aforo, dura 55 minutos.

O mes que vén (Sábado, 3 de xuño, ás 11.00 horas) é a quenda de María Canosa con “Perder o medo a través da poesía”; unha actividade dirixida a cativos e cativas de 3 a 6 anos, que consiste na narración na voz dunha nena (a propia autora) que de pequena tiña medos, pero que aprendeu a escorrentalos a través da poesía. Cada un dos poemas trata un dos medos que normalmente afectan á infancia (escuridade, treboadas, pallasos, médicos...), ao final do cal se amosan as razóns polas que se debe eliminar ese pánico.

Doutra banda, todos os martes do mes de xullo a partir das 17.00 horas, terán lugar na Biblioteca os obradoiros de Gargallando, “Bibliotacas animadas”. Trátase de talleres nos que os nenos e nenas (de 7 a 12 anos) realizarán imaxes en movemento que previamente debuxarán e colorearán e que darán vida a través da fotografía e a gravación das súas voces. As prazas para este obradoiro son limitadas e as persoas interesadas deberán inscribirse na biblioteca.

Para pechar o programa de actividades do programa “Ler conta moito” no concello de Lalín, o día 21 de outubro (con motivo do Día da Biblioteca, que é o 24), terá lugar a actividade “A ciencia é divertida”. Celebrarase en dúas sesións, a primeira de 11.00 a 11.50 horas, para nenos e nenas de 2 a 7 anos; e a segunda de 12.00 a 12.50 horas, para nenos e nenas de 8 a 10 anos. É preciso inscribirse antes para poder participar. Esta actividade achega o mundo da ciencia aos cativos e cativas mediante a combinación coa lectura.

Roteiros de Lalín