O CONCELLO PRESENTA A PRIMEIRA DAS CÁPSULAS AUDIOVISUAIS QUE DEBUXARÁN “O LENZO DO ENORME POTENCIAL TURÍSTICO” DE LALÍN A TRAVÉS DAS REDES SOCIAIS

O CONCELLO PRESENTA A PRIMEIRA DAS CÁPSULAS AUDIOVISUAIS QUE DEBUXARÁN “O LENZO DO ENORME POTENCIAL TURÍSTICO” DE LALÍN A TRAVÉS DAS REDES SOCIAIS
Venres 21 de Xullo de 2017 - Vilariño apunta que “dotarnos desta ferramenta útil e novidosa vainos facer chegar a milleiros de persoas viralizando contidos” O edil de Turismo anuncia que o lenzo que empeza a debuxar esta primeira peza audiovisual -sobre espazos naturais- irase completando ao longo do ano con outras pezas temáticas sobre gastronomía, cultura, castros e centro urbano Pódese ver a través das redes sociais do Concello ou na súa canle de Youtube na seguinte ligazón: https://www.youtube.com/watch?v=ss_cVTFFyes

O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, presentou hoxe a primeira das cápsulas audiovisuais coas que se vai promocionar o enorme potencial turístico de Lalín a través das diferentes plataformas online e as redes sociais. Baixo o título “Lalín, un lenzo natural”, esta primeira peza videográfica realiza de maneira moi novidosa un rápido percorrido pola enorme riqueza ambiental e paisaxística do Concello. En palabras de Vilariño, o traballo resulta “impactante pola súa indiscutible calidade e atractivo”, ademais de ofrecer “unha perspectiva descoñecida” de lugares como Ponte Taboada, Mouriscade ou Zobra, entre moitos outros.

En definitiva, o vídeo “busca sorprender e que quen o vexa quede con ganas de máis e, polo tanto, de visitar Lalín”. Neste obxectivo, prosegue o edil, “dotarnos desta ferramenta útil, novidosa e non perecedoira no tempo vainos facer chegar a milleiros de persoas”, xa que a intención é “movelo e que se viralice a través das redes sociais e, polo tanto, que funcione como reclamo de maneira moito máis eficaz que as típicas campañas ou publicacións en papel”. Nesta liña, Vilariño apunta que “era o momento de dar un paso máis para saírmos dos cánones estritos e esgotados da promoción turística habitual e de irnos a unha cuestión fraccionada en cápsulas de arredor dun minuto que permitirán seguir incidindo na liña ben marcada polo Concello de aproveitamento das novas tecnoloxías”.

O lenzo que empeza a debuxar esta primeira peza audiovisual sobre espazos naturais irase completando ao longo deste ano 2017 con outras cápsulas temáticas sobre gastronomía, cultura, castros e centro urbano, xa que “un concello cun potencial tan importante coma o noso pódese permitir o luxo de facer vídeos con temáticas diferentes concretas que conviden a quen os vexa a visitar o concello e que ao mesmo tempo formen parte da nosa competa estrutura de promoción e información turística”.

O novo material audiovisual da concellería de Turismo foi realizado pola produtora Arthur Gordon, a cuxo responsable, Emilio Fernández, quixo parabenizar polo seu traballo. Fernández, pola súa banda, afirmou este paquete de cápsulas permitirá dar a coñecer de maneira moi visual e orixinal unha parte moi importante da enorme oferta turística de Lalín. Incidiu, asemade, en que “o obxectivo é viralizar este contidos a través da Internet”, e cualificou de acerto a estratexia do Concello de orientar este tipo de publicidade turística a través das redes sociais”.

Roteiros de Lalín