O CONCELLO PRESENTA O PROGRAMA DE ACTIVIDADES DA NADAL MÁIS COMPLETO DOS ÚLTIMOS ANOS

O CONCELLO PRESENTA O PROGRAMA DE ACTIVIDADES DA NADAL MÁIS COMPLETO DOS ÚLTIMOS ANOS
Mércores 13 de Decembro de 2017 - Foi deseñado facilitar a conciliación laboral e familiar e dinamizar a actividade comercial.

O Concello de Lalín vén de presentar a programación municipal de actividades de Nadal, baixo o título “Enredos de Nadal”. Na comparecencia participaron a concelleira de Cultura, Lara Rodríguez, o tenente de alcalde e concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, e o concelleiro de Comercio e Emprego, José Manuel Fernández.

Trátase dun programa moi ambicioso coordinado entre as concellerías de Cultura, Benestar e Comercio, para conserguir coordinadamente “a mellor programación que se fixo nunca neste concello por Nadal, dedicado, sobre todo, aos máis cativos, pero tamén para atraer a nais e pais”. A programación ten a dobre vertente de, por unha banda, buscar a conciliación familiar en Nadal e, por outra, encher de vida e ambiente as rúas para dinamizar a actividade comercial e social.

Enredos de Nadal cubrirá practicamente todas as xornadas do Nadal con actividades, que se celebrarán en diferentes espazos, con protagonismo especial para a carpa da Praza da Igrexa e a biblioteca. Precisamente neste edificio vaise poñer en marcha un servizo experimental de ludoteca polas mañás, co que se complementa o campamento de Nadal (con 40 prazas), que ten lugar polas tardes e co que se completa unha ampla programación de actividades dinámicas, didácticas e educativas para os máis novos. A ludoteca poderá ter un máximo de 20 participantes por día, que se deberán inscribir previamente no concello. A programación cultural do mes de decembro tamén se incorporou ao conxunto de actividades de Nadal.

Por outro lado, na carpa instalada na Praza da Igrexa, desenvolveranse como actividades principais un mercado de Nadal con máis de 35 expositores de alimentación e artesanía. A carpa tamén acollerá obradoiros, música, contacontos e outras moitas actividades orientadas ao público familiar e coa finalidade de dinamizar a actividade na vila e fomentar o consumo no comercio local.

Roteiros de Lalín