O CONCELLO PON EN MARCHA NOVAS ACTUACIÓNS DE ACCESIBILIDADE COA INVERSIÓN DE 32 MIL EUROS EN MELLORAS NA RÚA DA CORREDOIRA

O CONCELLO PON EN MARCHA NOVAS ACTUACIÓNS DE ACCESIBILIDADE COA INVERSIÓN DE 32 MIL EUROS EN MELLORAS NA RÚA DA CORREDOIRA
Mércores 27 de Xuño de 2018 - A intervención comprende o arranxo de beirarrúas, a execución de rebaixes nas zonas dos pasos de peóns e a eliminación de barreiras arquitectónicas. Francisco Vilariño supervisou o inicio das obras e sinalou que Lalín se está convertendo nun referente en materia de accesibilidade grazas aos continuos traballos que se desenvolverán ata final de mandato.

O Goberno municipal vén de dar inicio a un novo proxecto de actuacións e reparacións relacionadas coa accesibilidade no casco urbano que dá continuidade ao programa de mobilidade elaborado en colaboración con Working Wheels iniciado o ano pasado e que busca converter a Lalín na vila máis accesible de Galicia. Como informa o concelleiro de Obras, Francisco Vilariño, a esta serie de traballos en aras de mellorar a accesibilidade destínanse nesta nova fase uns 32.000 euros que proveñen da reinversión de parte das baixas de diferentes proxectos xa executados pertencentes ao Plan de Concellos 2016.

O edil -que hoxe supervisou o comezo dos traballos- explicou que a intervención comprende accións concretas en preto de 10 puntos diferentes da rúa da Corredoira, que permitirán rebaixar as beirarrúas naqueles pasos de peóns e entronques de vías onde existen escalóns, así como corrixir os afundimentos e os desperfectos nas plataformas peonís para garantir que sexan accesibles para todas e todos. Esta vía interurbana foise dotando de beirarrúas conforme ían aumentando as edificacións, mais como daquela non existían normativas sobre accesibilidade, na actualidade os plataformas peonís desta área incumpren maioritariamente os postulados vixentes sobre esta cuestión e presentan bordos rectos e carencias de ramplas de acceso.

Porén, co obxecto de conseguir que as beirarrúas se adapten á normativa, a actuación comprenderá a execución de diferentes accións, tales como a reparación de pavimentos e a reposición de lousas rotas, afundidas ou en mal estado. Un dos arranxos máis significativos neste sentido estase a desenvolver nas proximidades da estación de servizo, onde se reparará un treito de máis de 150 metros cadrados. Por outra banda colocaranse novas lousas nas zonas onde actualmente só existe unha base de formigón, co obxectivo de mellorar a accesibilidade e, ao mesmo tempo, darlle unidade e uniformidade ao pavimento da rúa. Ademais, para crear continuidade naquelas beirarrúas con entronque de rúas de maneira que exista unha accesibilidade continua, realizaranse rebaixes de bordos e crearanse ramplas de unión coas que se eliminarán os escalóns e as barreiras arquitectónicas existentes. O proxecto tamén contempla a creación dun paso de peóns á altura do número 68 da rúa Corredoira debido á gran distancia que hai entre os dous actuais e coa finalidade de facilitar o cruzamento de transeúntes por unha estrada con moito tráfico. Tamén se van retirar diferentes sinais e elementos verticais que inciden negativamente na libre circulación de peóns.

O responsable de Obras do Concello de Lalín insistiu “no compromiso político do Goberno para conseguir que Lalín se converta no municipio máis accesible de Galicia” e remarcou que “grazas ao gran traballo que se vén desenvolvendo nos últimos meses, tanto a través da brigada de obras, como mediante contratacións, Lalín xa é un referente nesta materia”. Nesta liña lembrou as recentes obras de accesibilidade acometidas nas rúas Areal e Ponte, coa inversión de 60 mil euros e o traballo diario da brigada de obras para eliminar barreiras arquitectónicas. Francisco Vilariño fixo fincapé en que “se continuará traballando deste xeito ata final de mandato porque a accesibilidade é un dereito de todos e non un privilexio duns poucos”. Ao mesmo tempo engadiu que “a mellora da accesibilidade non só favorece ás persoas con discapacidade ou limitacións da mobilidade, senón que facilita o día a día e a convivencia de toda a poboación”.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín