O CONCELLO OFERTA ESTE ANO 284 PRAZAS PARA OS CAMPAMENTOS E A ESCOLA DE VERÁN, CUN MÍNIMO DE 91 GRATUÍTAS, E CUN INVESTIMENTO DE MÁIS DE 45 MIL EUROS

O CONCELLO OFERTA ESTE ANO 284 PRAZAS PARA OS CAMPAMENTOS E A ESCOLA DE VERÁN, CUN MÍNIMO DE 91 GRATUÍTAS, E CUN INVESTIMENTO DE MÁIS DE 45 MIL EUROS
Xoves 31 de Maio de 2018 - Por primeira vez resérvanse prazas adaptadas nos campamentos urbanos para participantes con necesidades especiais. O concelleiro de Benestar Social resalta o gran esforzo adaptado ás necesidades de Lalín mantendo as tres modalidades para o verán. Nicolás González Casares salienta que a Escola de Verán, que cumpre o seu cuarto ano, incrementará o seu horario e se consolida como un referente da política social do Goberno. As familias interesadas poderán realizar as preincripcións a partir do luns na casa consistorial.

O Concello de Lalín investirá este ano 45.441 euros para a posta en marcha dos campamentos que se van desenvolver durante o verán e que contan con tres modalidades: os campamentos deportivos urbanos, o campamento deportivo no mar e a Escola de Verán. En total -entre estas tres actividades que conxugan educación, deporte e integración social- vanse ofertar un total de 284 prazas para rapazas e rapaces, das que un mímino de 91 serán de balde co obxectivo de facilitar ao acceso a estas iniciativas das nenas e nenos procedentes de familias con menos recursos.

Desta maneira, tal e como indica o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, o Goberno municipal segue demostrando “o gran esforzo que está a realizar dende o inicio de mandato por manter as actividades para os máis cativos cun claro contido social, xa que máis do 33 por cento das prazas son gratuítas e, tamén como novidade este ano, establécense importantes descontos para familias numerosas”. Ademais, co obxectivo de fomentar a integración social, o Concello tamén decidiu incluir por primeira vez nos campamentos deportivos urbanos de este ano ata un total de catro prazas adaptadas para participantes con necesidades especiais. González Casares indica que esta circunstancia “vai incrementar a complexidade organizativa das actividades, pero ao mesmo tempo permitirá seguir avanzando no compromiso de fomentar a integración social demostrado por este Goberno dende o inicio de mandato”.

Nesta liña, o tenente de alcalde salienta tamén que a Escola de Verán vai ver incrementado o seu horario, iniciándose unha hora antes do que se facía ata o de agora, para facilitar a conciliación laboral e familiar. Esta iniciativa, que cumpre o seu cuarto ano, consólidase así como un referente da política social do Goberno. Por outra banda, o edil remarca que este tipo de iniciativas se verán complementadas ao longo de todo o ano coas actividades que se van realizar ao abeiro do Plan Concilia, dentro da estratexia DUSI Lalín Ssuma21, cofinanciada nun 80 por cento por fondos FEDER dentro do Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) 2014-2020.

De maneira específica, os campamentos deportivos urbanos -que se celebrará en varias quendas entre o 2 e o 31 de agosto e que está destinado a nenos de entre 4 e 8 anos- ofertarán un total de 89 prazas, das que 29 serán de balde. Pola súa banda, o campamento deportivo no mar -que se desenvolverá na primeira quincena de agosto para rapaces de entre 9 e 17 anos- ofrecerá un total de 60 prazas, das que 20 terán carácter gratuíto. Por último, a Escola de Verán -que terá catro quendas entre o 2 de xullo e o 31 de agosto para participantes de entre 4 e 17 anos- terá un total 135 prazas. Neste caso, reservánse un mínimo de 46 prazas gratuíta, que poden incrementarse en función das familias en risco de exclusión social que queiran participar.

O concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, explicou hoxe que xa están publicadas na plataforma de contratación do Estado as bases para adxudicar a xestión e organización destas actividades, que se diferencian entres lotes. As empresas interesadas teñen 15 días de prazo para presentar as súas ofertas. En calquera caso, as familias interesadas en participar en calquera destas tres iniciativas que pon en marcha o Concello teñen a oportunidade de realizar a súa preincripción a partir do próximo luns nas dependencias da Casa do Concello.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín