O CONCELLO LEVARA A PLENO A VINDEIRA SEMANA A APROBACIÓN FINAL DA MP Nº 15 RELATIVA ÁS DISTANCIAS DAS GRANXAS

O CONCELLO LEVARA A PLENO A VINDEIRA SEMANA A APROBACIÓN FINAL DA MP Nº 15 RELATIVA ÁS DISTANCIAS DAS GRANXAS
Luns 9 de Abril de 2018 - Finalizados os diferentes prazos de consulta, a consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de informar favorablemente á modificación Esta iniciativa permitirá rebaixar o espazo entre as granxas de aves e de coellos e os núcleos de poboación rurais de 1.000 a 500 metros. A convocatoria dunha sesión plenaria urxente permitirá acurtar na medida do posible os prazos, co obxectivo de que as novas distancias poidan entrar nos plans agrarios de mellora do 2018. Nicolás González Casares, considera que, coa presente solución pactada, se consegue protexer o territorio e o medio ambiente e, ao mesmo tempo, promóvese o desenvolvemento gandeiro e do rural.

O concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, anunciou hoxe que o Concello de Lalín celebrará a próxima semana un Pleno extraordinario para proceder á aprobación final da Modificación Puntual nº 15 do Plan Xeral de Ordenación Municipal que regula as distancias das novas explotacións gandeiras en solo rústico, reducindo o espazo entre as granxas de aves e de coellos e os núcleos de poboación rurais de 1.000 a 500 metros.

O concelleiro explicou que tras aprobarse inicialmente no Pleno do pasado mes de setembro a modificación de xeito inicial, abriuse un prazo de consultas e remisión de documentación. Tras esta fase, a consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de informar favorablemente á modificación, que deberá ser aprobada en Pleno. Casares sinalou que a convocatoria dunha sesión plenaria urxente para cumprir este trámite responde á necesidade de acurtar na medida do posible os prazos, co obxectivo de que as novas distancias poidan entrar nos plans agrarios de incorporación e mellora do 2018.

O concelleiro de Urbanismo manifestou que o Goberno local dende a súa toma de posesión asumiu a necesidade de activar un maior espazo para o desenvolvemento gandeiro e rural, co compromiso firme de apoiar deste xeito un dos piares fundamentais da economía lalinense e da súa industria primaria. Proba deste compromiso contémplase na decisión de rebaixar o espazo entre as granxas de aves e de coellos e os núcleos de poboación rurais de 1.000 a 500 metros, mantendo a 1.000 metros o das explotacións porcinas, coa idea de que este ano os plans de mellora poidan entrar xa con esta modificación. Casares lembrou que esta modificación foi negociada co Partido Popular, pois o concelleiro considera que a planificación urbanística a medio e longo prazo debe recoller grandes acordos. Isto -sinalou- permitiu afastar a liorta política para conseguir unha medida moi positiva para a veciñanza.

Esta modificación permite dar saída a unha reivindicación do rural lalinense, debido á práctica imposibilidade actual de crear novas explotacións con separacións de 1.000 metros. Nicolás González Casares, considera que, coa presente solución pactada, “se consegue protexer o territorio e o medio ambiente, amparando as parroquias máis poboadas e, ao mesmo tempo promóvese o desenvolvemento gandeiro e do rural”.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín