O CONCELLO LEVARÁ A CABO SENDAS PEONÍS E MELLORAS DA SEGURIDADE NA CARBALLEIRA DO RODO, GARCÍA SÁNCHEZ E NO ENLACE CON XAXÁN

O CONCELLO LEVARÁ A CABO SENDAS PEONÍS E MELLORAS DA SEGURIDADE NA CARBALLEIRA DO RODO, GARCÍA SÁNCHEZ E NO ENLACE CON XAXÁN
Venres 25 de Maio de 2018 - O proxecto enmárcase dentro do Obxectivo Temático 6 da estratexia DUSI Lalín Ssuma 21 e permitirá avanzar en materia de mobilidade ao tempo que se fomenta a cohesión entre o casco urbano e o rural. Casares e Vilariño sinalaron que estas actuacións forman parte dun proxecto “que ten claro que a mobilidade debe ser sostible e segura, cuestión que está na propia vontade do Goberno e na fundamentación da estratexia”.

O Concello de Lalín vai acometer un importante proxecto en aras de mellorar a mobilidade urbana sostible e segura mediante a construción de pasarelas peonís de continuidade urbana que comunicarán diferentes zonas periurbanas e que garantirán desprazamentos cómodos, sostibles e seguros. Como explicou Nicolás González Casares, coordinador municipal da estratexia DUSI Lalín Ssuma 21, cofinanciada nun 80% por fondos FEDER no marco do Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) 2014-2020, parte destas actuación levaranse a cabo na Carballeira do Rodo, en García Sánchez e no enlace entre o casco urbano e a parroquia de Xaxán pola estrada EP-6009.

Este proxecto enmárcase dentro do Obxectivo Temático número 6 da estratexia, cuxo responsable é o concelleiro, Francisco Vilariño, e que inclúe entre as súas actuacións a creación de pasarelas verdes de continuidade urbana continua e segura, unha definición que se transformará nas citadas intervencións, que terán lugar, fundamentalmente, nas zonas periurbanas da vila, onde existe demanda cidadá referente a este tipo de intervencións.

Así, por un lado, Casares e Vilariño anunciaron a próxima habilitación dunha senda peonil pegada á calzada da carballeira do Rodo que facilitará a transición de peóns e que continuará, unha vez superada a Rolda Leste, pola entrada de García Sánchez, onde a día de hoxe non existen ningún tipo de pasarela nin beirarrúa. Esta actuación, naqueles puntos onde non existan árbores, dotarase tamén dun acompañamento de arborado adecuado para cada un dos entornos. Así mesmo, incluiranse melloras no sistema de alumeado.

Por outra banda, o Concello tamén vai habilitar unha senda peonil na estrada EP-6009 (carretera de Brántega) que enlazará a coñecida como rotonda do Rodo con Xaxán e Delaparte, cubrindo unha distancia aproximada de 800 metros. Nesta estrada xa existe un retranqueo que facilitará a execución dunha actuación que tamén irá acompañada da disposición dunha cuberta verde e de sistemas de alumeado, e que vai permitir realizar transicións seguras a pé por esta zona. Ademais, neste caso, xa foi solicitado o correspondente permiso á Deputación -titular da vía- para axilizar a posta en marcha do proxecto.

Casares e Vilariño sinalaron que estas actuacións forman parte dun proxecto “que ten claro que a mobilidade debe ser sostible e segura”. “Esta é a vontade clara deste Goberno” -indicaron- “cuestión que tamén está presente na fundamentación da propia estratexia DUSI e que pon de manifesto a preocupación do Concello por cohesionar o casco urbano cos núcleos rurais máis próximos”. As sendas peonís de continuidade urbana sostible e segura situaranse en lugares nos que son demandados frecuentemente pola cidadanía e permitirán solucionar exemplos manifestos de discontinuidade entre o núcleo central urbano e as zonas próximas.

A liña completa ten un orzamento total dentro da estratexia de 828 mil euros, polo que ademais da presente se inclúen outras accións. Nas vindeiras semanas iniciarase a licitación da redacción deste proxecto. Así mesmo, convocaranse reunións coa veciñanza das zonas onde se van realizar as intervencións, xa que Lalín Ssuma 21 é unha estratexia participativa na que a opinión da cidadanía vai ter moito peso.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín