O CONCELLO LEMBRA QUE PERMANECE ABERTO O PRAZO PARA PARTICIPAR NO PRIMEIRO CONCURSO DE FOTOGRAFÍA DE ROTEIROS DE LALÍN

O CONCELLO LEMBRA QUE PERMANECE ABERTO O PRAZO PARA PARTICIPAR NO PRIMEIRO CONCURSO DE FOTOGRAFÍA DE ROTEIROS DE LALÍN
Martes 12 de Septembro de 2017 - O certame nace cos obxectivos de difundir esta iniciativa e, ao mesmo tempo, promocionar os valores do programa: natureza, rural, patrimonio, saúde e deporte. As instantáneas deben ser enviadas ao correo roteiros@lalin.gal, serán inéditas e permítese enviar un máximo de 4 por autor.

O Concello de Lalín recórdalle a todas as persoas interesadas que ata o día 30 deste mes poden enviar as súas imaxes para participar na primeira edición do concurso de fotografía de Roteiros de Lalín. Este certame nace con vocación anual e cos obxectivos de difundir esta iniciativa e, ao mesmo tempo, promocionar os valores do programa: natureza, rural, patrimonio, saúde e deporte.

O evento conta con diferentes modalidades:

1. Premio Roteiros de Lalín, no que entran todas as fotografías presentadas no concurso.

2. Premio Roteiros Natureza, no que entran as fotografías que fagan clara referencia a cuestións de gran interese natural e medioambiental.

3. Premio Roteiros Patrimonio, ao que poderán optar as fotografías que fagan referencia a cuestións de gran interese patrimonial e histórico.

4. Premiro Roteiros do público, unha fotografía que será votada polo público a través da páxina web www.roteiros.lalin.gal.

A forma de participar é a seguinte:

As fotografías deben ser enviadas correo electrónico: roteiros@lalin.gal. Será preciso un envío por cada unha das obras presentadas. Esa mesma dirección de correo utilizarase para resolver calquera dúbida sobre o concurso. É importante lembrar que se permite un número máximo de 4 fotografías por participante e, cada unha delas, poderá acompañarse dun pequeno texto explicativo sobre as cuestións que o autor considere relevantes sobre a mesma.

As instantáneas presentadas deben ser inéditas e nunca publicadas nin en prensa, nin en webs, nin nas redes sociais nin en ningún outro concurso. A calidade mínima das obras será de 3 Mb e deben ser enviadas en formato JPEG. Poderán presentarse en cor ou en branco e negro, pero nunca se admitirán fotomontaxes ou composicións froito da manipulación dixital da imaxe.

Os premios do concurso non serán en metálico e consistirán en regalos ou viaxes. Este concurso dará lugar á I Mostra fotográfica Roteiros de Lalín, que consistirá na exposición física dos traballos presentados ao concurso.

Roteiros de Lalín