O CONCELLO LEMBRA QUE O PRAZO PARA PARTICIPAR NO PREMIO DE NARRACIÓNS BREVES MODESTO R. FIGUEIREDO REMATA O DÍA 18

O CONCELLO LEMBRA QUE O PRAZO PARA PARTICIPAR NO PREMIO DE NARRACIÓNS BREVES MODESTO R. FIGUEIREDO REMATA O DÍA 18
Martes 8 de Novembro de 2016 - As narracións deben ser depositadas na Fundación Padroado do Pedrón de Ouro, en Santiago de Compostela, ou no concello de Lalín.

A concelleira de Cultura, Lara Rodríguez, lembra que o prazo para presentar traballos para o XLII Certame Nacional Galego de Narracións Breves “Premio Modesto R. Figueiredo”, organizado pola fundación Pedrón de Ouro e que este ano acolle o Concello de Lalín, remata o vindeiro día 18 de novembro. Ao premio pode presentarse calquera tipo de narración de entre 5 e 30 páxinas escritas por unha soa cara e mecanografadas a dobre espazo. Os textos deben ser inéditos e estar escritos en lingua galega. As narracións serán depositadas na Fundación Padroado do Pedrón de Ouro, en Santiago de Compostela, ou no concello de Lalín. As obras entregaranse ou serán enviadas nun sobre pechado cos datos que identifiquen ao autor e en cuxo exterior só se mostre o título da narración.

O certame literario está premiado con 1.000 euros para a persoa gañadora e, se o xurado o considera oportuno, outras dúas obras poderán obter segundos premios de 400 euros. Os relatos elixidos son publicados nun libro cada dúas edicións. O Certame Nacional Galego de Nrracións Breves, que dende o 1975 leva o nome de “Modesto R. Figueiredo”, celébrase dende hai 42 anos organizado pola Fundación Padroado do Pedrón de Ouro e foi pensado para que cada edición arribase nun concello diferente, chegando, nesta ocasión, ao de Lalín. 

Roteiros de Lalín