O CONCELLO INVESTIRÁ 3 MILLÓNS DE EUROS EN 22 PROXECTOS NO RURAL E NO CASCO URBANO ANTES DE FINALIZAR O ANO

O CONCELLO INVESTIRÁ 3 MILLÓNS DE EUROS EN 22 PROXECTOS NO RURAL E NO CASCO URBANO ANTES DE FINALIZAR O ANO
Luns 6 de Agosto de 2018 - O programa afástase de grandes obras e todas as actuacións están destinadas a cubrir necesidades fundamentais da cidadanía e mellorar a prestación de servizos.

O Goberno municipal continúa coa posta en marcha de diferentes proxectos e actuacións en beneficio dos veciños e veciñas, que terán continuidade ata finalizar o mandato. No que queda de ano, o Concello vai executar un ambicioso paquete de actuacións que afectarán tanto ao rural como ao casco urbano e ao que van ser destinados un total de 2.909.413,15 euros procedentes tanto de fondos propios, mediante o reinvestimento de remanentes, como doutras administracións (Xunta e Deputación) a través de diferentes plans, así como de fondos europeos dentro da estratexia Lalín Ssuma 21.

Esta importante cantidade económica servirá para sufragar ata 22 actuacións de diferente natureza, pero todas elas cun mesmo obxectivo: cubrir necesidades e demandas da cidadanía de Lalín, mellorar a prestación de servizos e incrementar a calidade de vida de toda a veciñanza. Precisamente a este respecto, dende o Goberno de Lalín explican que se trata dun paquete moi significativo que engloba un gran número de intervencións, pero que como se pode ver e cumprindo unha promesa electoral, non está centrado en grandes obras, senón nas persoas a través de múltiples actuacións proxectadas para cubrir as pequenas necesidades dos lalinenses e para incrementar a calidade dos servizos fundamentais ofrecidos polo Concello. Dende o executivo tamén se fai mención ás dificultades xurdidas para poder sacar adiante este programa, sobre todo no relativo ao desenvolvemento dos procesos de contratación, xa que a súa posta en marcha coincidiu coa entrada en vigor da nova Lei de Contratos do Sector Público, que introduciu importantes cambios nestes procedementos. Non obstante, grazas á vontade e á dilixencia tanto de políticos como de empregados municipais, foi posible sacar adiante todos os expedientes dun paquete que se desenvolverá entre este verán e finais de ano.

O paquete de actuacións e o estado de cada expediente é o seguinte:

Rotonda Montserrat

Comezou a executarse o pasado xoves cun investimento de 160.936,05 euros procedentes dos remanentes de 2016. Quedará rematada, previsiblemente, este verán. Esta infraestrutura permitirá mellorar a seguridade viaria nun punto moi conflitivo, así como incrementar a calidade das conexións entre Lalín e Donramiro.

Pistas no rural

O Concello deu inicio a un novo paquete de mellora de pistas mediante a que se van acondicionar accesos en Chares, Palio, Losón, Toimil, Alperiz, Os Porcallos, Castro, Froxán, Fondevila e Donsión. O investimento é de 211.898,95 euros, procedenetes dos remanentes de 2016. Quedará rematado neste mes.

Saneamento Zobra

Esta mesma semana quedou asinado o contrato coa empresa concesionaria para dar inicio nos próximos días ao proxecto que levará o saneamento á parroquia de Zobra. Foi adxudicado por 143.908, 93 euros.

Locais sociais en Palio e Zobra

Mellora dos centros sociais das parroquias de Palio e Zobra, que darán comezo entre finais de agosto e o mes de setembro cun investimento de preto de 35 mil euros do Plan de Concellos.

Locais socias de Noceda e A Xesta

Mellora dos centros sociais das parroquias de Noceda e A Xesta, que darán comezo entre finais de agosto e o mes de setembro cun investimento de preto de máis de 38 mil euros do Plan de Concellos 2017.

Abastecementos en Goiás

Proxecto adxudicado e pendente da sinatura do contrato, que permitirá levar o abastecemento a Cáceme, Igrexa e Casas Novas. Foi adxudicado por 46.404 euros e comezará a executarse este mes.

Praza Galicia

O Proxecto para realizar as obras de urbanización da terceira fase da Praza de Galicia xa foi adxudicado e está pendente da sinatura do contrato. O prezo de adxudicación foi de 139.193 euros procedentes dos remanentes da conta de 2016 e iniciarase este verán.

Urbanización Xesteiras e melloras en Alcalde Ferreiro e Vidal Abascal

Foi adxudicado por 161.524 euros e está pendente da sinatura do contrato. Dará comezo este verán e suporá a mellora integral das rúas Xesteira, Alcalde Ferreiro e Vidal Abascal.

Camiño da Miñoca

O asfaltado da denominada pista da Miñoca situada na localidade de Pareizo está próximo á súa adxudicación e suporá unha inversión de 120.222 euros procedentes do Plan Marco da Xunta.

Abastecementos en Busto, Palmou, Bustelo, Madriñán, Anzo...

A través do Fondo de Compensación Ambiental executaranse melloras relacionadas cos abastecementos en Busto, Palmou, Bustelo, Madriñán e Anzo cun investimento de 108.329 euros. O proceso de contratación atópase en fase de valoración de ofertas.

Melloras Lalín Arena

O concello incrementará os servizos do Lalín Arena coa creación dunha nova sala para fitness. A inversión alcanza os 61.324 euros procedentes do Plan de Concellos da Deputación. A licitación está en prazo de presentación de ofertas.

Melloras Pontiñas

Novo programa de actuacións no Paseo do Pontiñas cun investimento de 76.468 euros a través do Plan de Concellos. A licitación está en prazo de presentación de ofertas.

Melloras en parques, parque para cans e pista de parkour

A través dos fondos do Plan de Concellos 2017 o Concello proxecta un paquete de melloras nos parques infantís así como a construción dun parque para cans e a colocación de elementos para a práctica de parkour. O prezo de licitación supera os 79 mil euros e o proceso atópase en fase de presentación de ofertas.

Depuradora Vilar do Río

A construción da depuradora que dará servizo ao saneamento en Vilar do Río suporá un investimento de 51.995 euros do Plan de Concellos. Executarase en outono.

Melloras no Polígono

O Concello realizará diversas melloras no Polígono Lalín 2000 con fondos procedentes dunha achega da Xunta á que se suman fondos propios. Este proxecto atópase pendente da aprobación definitiva do crédito que alcanzará os 109.253 euros.

Demolición Manuel Rivero

Tras redactarse o proxecto definitivo ábrese o expediente de contratación desta actuación contemplada no programa DUSI por 89.358 euros e que se iniciará en outono.

Reparacións Auditorio Municipal

As reparacións no Auditorio Municipal suporán unha importante inversión de 244 mil euros procedentes do Plan de Concellos 2017. Proximamente iniciarase o expediente de contratación para que as obras poidan comezar en outubro.

Actuacións Varias en Garderías

O concello executará un proxecto de melloras e mantemento nas garderías de Lalín cun investimento de 77.774 euros dos remanentes de 2017 que está pendente de aprobación definitiva.

Humanización Calvo Garra

Xa está en marcha o proceso de contratación para a humanización da rúa Calvo Garra, un proxecto ao que se van destinar 223.000 euros do Pland e Concellos 2018. Comezará a executarse no último trimestre do ano.

Lalín de Arriba

O proxecto de mellora e humanización do núcleo histórico de Lalín de Arriba incluído na estratexia Lalín Ssuma 21 atópase pendente dun informe de patrimonio para iniciar a súa contratación. A actuación alcanzará os 279.000 euros.

Vivendas Manuel Rivero

A recuperación das antigas vivendas dos mestres do Manuel Rivero foi iniciado polo obradoiro de emprego e completarase cunha inversión de 170 mil euros do Dusi. O proxecto iniciarase cara final de ano.

Beirarrúas Alcalde Ferreiro

A reposición das beirarrúas da rúa Alcalde Ferreiro suporá un investimento de 50.079 euros incluídos no Plan de Concellos 2018. Proximamente iniciarase o proceso de licitación para iniciar as obras no último trimestre do ano.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín