O CONCELLO INICIARÁ O ARRANXO INTEGRAL DA RÚA PINTOR COLMEIRO DESPOIS DAS FESTAS

O CONCELLO INICIARÁ O ARRANXO INTEGRAL DA RÚA PINTOR COLMEIRO DESPOIS DAS FESTAS
Xoves 13 de Septembro de 2018 - As actuacións foron adxudicadas á empresa Rafer cun investimento de preto de 40 mil euros. Francisco Vilariño explica que a iniciativa é a primeira dunha serie de actuacións que permitirán homoxeneizar e mellorar o aspecto de varias das arterias máis importantes do casco urbano. Os traballos consistirán na reposición do firme e na reconstrución das beirarrúas. A intervención non implicará cambios na dirección de circulación e seguirase permitindo o estacionamento de vehículos en ambas marxes.

O concelleiro de Obras, Francisco Vilariño, anunciou hoxe que o Concello iniciará despois das festas de Lalín arranxo integral da rúa Pintor Colmeiro. Farao mediante unha ambiciosa actuación que comprenderá tanto a mellora do firme como a reposición das beirarrúas, o que permitirá mellorar a accesibilidade e a mobilidade urbana dentro da cabeceira municipal. Este proxecto será acometido pola empresa Rafer, á que se lle adxudicaron unhas actuacións cun investimento próximo aos 40 mil euros e que se financiarán con cargo á liña 1 do Plan de Concellos da Deputación de Pontevedra. Francisco Vilariño tamén indicou que esta intervención será a primeira dun programa de mellora do firme e de beirarrúas en diferentes rúas do centro, de cara a homoxeneizar e rexenerar por completo o aspecto dunha zona urbana céntrica cunha alta densidade poboacional e con gran actividade comercial.

A rúa Pintor Colmeiro conta cunha lonxitude total de 75 metros e un ancho de 12. As súas beirarrúas están actualmente nun estado de deterioro moi importante tras moitos anos sen ningún tipo de actuación na zona. Presentan plaquetas rotas e desniveladas pola falta de base de formigón, así como diferencias de continuidade en altura entre as tapas das arquetas e o resto das plaquetas. O pavimento tamén sofre actualmente múltiples fochancas, con zonas nas que se observa moi cuarteado, o que agrava a aparición de novos buracos. Así, o proxecto hoxe anunciado polo titular de obras corrixirá estes defectos e mellorará substancialmente as condicións dunha vía que non presenta a nivel xeral un bo estado de conservación e que acumula anos sen melloras, motivo polo que é preciso intervir con rapidez na súa recuperación.

As actuacións a realizar comprenden, por un lado, o levantado da plaqueta das beirarrúas e do bordo de formigón coa posterior colocación de novo pavimento de lousas rectangulares iguais en deseño ás existentes na rúa D, dándolle así continuidade estética a ambos viais. Por outra banda, repararase o firme de aglomerado deste treito, previa retirada dunha capa de 5 centímetros de rodadura existente para evitar que a rúa vaia tendo cada vez maior espesor.

Francisco Vilariño fixo fincapé en que esta intervención “vai na liña doutras tamén proxectadas para o casco urbano, que van ter especial incidencia e visibilidade este ano con proxectos de rehabilitación programados para distintas vías urbanas e que mellorarán substancialmente as condicións dunha zonas máis importantes do casco urbano”. A intervención non implicará cambios na dirección de circulación da rúa Colmeiro e seguirase permitindo o estacionamento de vehículos en ambas marxes.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín