O CONCELLO INICIA UN PROCESO DE INSPECCIÓN PARA DETECTAR IRREGULARIDADES EN EDIFICIOS SEN RAMATAR

Luns 2 de Abril de 2018 - González Casares sinala que esta medida busca garantir que se cumpran as condicións legais de seguridade, salubridade e ornato, evitando perigos para a cidadanía e loitando contra o deterioro urbanístico. Unha primeira revisión detectou un edificio na rúa dos Xazmíns que incumpre a normativa polo que o Concello iniciou a pertinente resolución de procedemento de orde de execución. Os propietarios do inmoble teñen un mes de prazo para realizar os traballos necesarios mediante os que dotar o edificio dos correspondentes requisitos legais.

O Concello de Lalín, a través da concellería de Urbanismo, deu inicio a un proceso de inspeccións para detectar construcións sen rematar no casco urbano susceptibles de estar vulnerando a normativa urbanística vixente relativa a condicións de seguridade, salubridade e ornato. Esta iniciativa púxose en marcha, tal e como explicou o concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, coa finalidade de evitar que a existencia de posibles irregularidades nestas edificacións a medio construír sexan un risco para a seguridade e a saúde da cidadanía, así como para previr que o seu abandono provoque deterioro e feismo urbano.

Nicolás González Casares manifestou que a existencia de edificios sen rematar en Lalín é significativa debido ás fortes efectos da burbulla inmobiliaria neste concello, o que provocou que moitos inmobles languidezan dende o comezo da crise. Estes edificios -sinalou- por falta de mantemento sofren as consecuencias do paso do tempo e están en continuo deterioro, de modo que se converten nun risco ao ser habituais os desprendementos de materiais construtivos que poden causarlle danos a cidadáns ou vehículos. O perigo aumenta debido á facilidade para acceder ao seu interior, ademais de que as fachadas inacabadas son un claro elemento antiestético que contribúe ao “feísmo” urbanístico. Deste modo, aclara o titular de Urbanismo, dende o Concello é a nosa responsabilidade activar as medidas necesarias para que se cumpra a lexislación e se conserven as condicións de seguridade, salubridade e ornato, evitando perigos para a cidadanía e loitando contra o deterioro urbanístico.

Tras unha primeira revisión, a Inspección Municipal de Obras e Servizos deu parte da existencia dun edificio situado na rúa dos Xazmíns que quedou sen rematar a consecuencia da crise inmobiliaria e que na actualidade non reúne as condicións legais anteriormente citadas. Deste xeito, transcorrido o prazo de audiencia sen que se presentase ningunha alegación, deuse inicio ao procedemento administrativo de orde de execución para que se leven a cabo, a costa dos propietarios, os traballos necesarios para dotar a edificación das condicións de seguridade e ornato das que carece. Unha vez aprobada esta resolución, os propietarios teñen un mes de prazo para realizar os traballos necesarios para dotar o edificio dos correspondentes requisitos legais.

O concelleiro de Urbanismo apunta que no informe remitido polos servizos municipais, no que s inclúe abundante material gráfico, se observan -entre outras irregularidades- que o edificio non se atopa debidamente pechado polo que, como consecuencia, é posible acceder con moita facilidade ao interior. Por outra banda, detéctase que se están desprendendo elementos construtivos que caen sobre a vía pública, co conseguinte risco para persoas e vehículos. O Informe afirma como consecuencia destes feitos, que o edificio non cumpre coas esixencias legais de seguridade e ornato polo que se debe incoar o correspondente procedemento de orde de execución, que acaba de ser aprobado en Xunta de Goberno.

Concretamente, a edificación expedientada vulnera segundo o informe xurídico incluído no expediente o artigo 135.1 da Lei 2/2016 do solo de Galicia, que dispón que os propietarios de toda clase de terreos, construcións, edificios e instalacións deberán conservalos nas condicións de seguridade, salubridade, accesibilidade universal e ornato legalmente esixibles. Do mesmo xeito, o artigo 136.1 do mesmo texto legal expresa que os concellos, mediante o correspondente expediente e logo da audiencia dos interesados, ditarán ordes de execución que obriguen aos propietarios de bens inmobles a realizar as actuacións necesarias para dar debido cumprimento aos deberes sinalados no anterior artigo. Así mesmo, o apartado 4 do citado artigo sinala que, no caso de incumprimento da orde de execución, a administración municipal procederá á execución forzosa mediante a imposición de multas coercitivas de 1.000 a 10.000 euros, reiterables trimestralmente.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín