O CONCELLO INICIA A RESPOSICIÓN DE CABLEADO NO PONTIÑAS E NA ROLDA LESTA PARA SOLUCIONAR OS PROBLEMAS DE ILUMINACIÓN

O CONCELLO INICIA A RESPOSICIÓN DE CABLEADO NO PONTIÑAS E NA ROLDA LESTA PARA SOLUCIONAR OS PROBLEMAS DE ILUMINACIÓN
Mércores 20 de Decembro de 2017 - As deficiencias foron provocadas polo roubo de cable e pola actividade dos roedores. Os novos tendidos estanse executando con sistemas de reforzo para evitar as sustraccións e a corrosión.

O Concello de Lalín vén de dar inicio aos traballos de reposición do cableado que dá servizo ao tendido de alumeado público nun treito da Rolda Leste comprendido entre a coñecida como rotonda do Carrefour e a rotonda de Brántega, así como na parte inferior do paseo do Pontiñas. Así o vén de anunciar o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, que se achegou esta mañá ao parque lalinense para supervisar o inicio das actuacións. Como explicou, as dúas zonas citadas levan tempo sufrindo graves deficiencias na iluminación por diferentes motivos que é preciso solucionar canto antes en beneficio da cidadanía. O Concello conta cun orzamento de 30.699,93 euros para este proxecto, sendo estes fondos procedentes dunha baixa do proxecto de rehabilitación e saneo da Rolda Leste executado o pasado ano.

No primeiro caso a falta de luz débese a un roubo de cable producido hai varios meses que deixou sen alimentación as luminarias do citado tramo da Rolda Leste. Porén, é preciso repoñer na súa totalidade o cable sustraído, que vai acompañado nesta ocasión dun sistema de reforzo antiroubos que fará moi complicado que se produzan novas extraccións. A reposición do cableado permitirá que a iluminación nesta zona moi transitada volva ser a máis adecuada, mellorando deste xeito a seguridade tanto dos condutores como dos peóns.

Por outra banda, na parte baixa do sendeiro fluvial do Pontiñas, as deficiencias na iluminación veñen causadas pola actividade dos ratos, que roeron o cable en diferentes puntos e, aínda que xa se actuou na zona, a problemática non se puido solucionar por completo. Agora repoñerase o cable cos sistemas de protección adecuados, co obxectivo de evitar novos ataques por parte dos roedores, tal e como apuntou o concelleiro. Isto permitirá manter unha iluminación en boas condicións ao longo do Pontiñas e evitar molestias ás persoas que empregan o espazo verde para os seu lecer.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín