O CONCELLO INICIA A REFORMA E MELLORA DOS LOCAIS SOCIAIS DE PALIO, ZOBRA, NOCEDA E A XESTA

O CONCELLO INICIA A REFORMA E MELLORA DOS LOCAIS SOCIAIS DE PALIO, ZOBRA, NOCEDA E A XESTA
Xoves 13 de Septembro de 2018 - As actuacións nestes centros veciñais permitirán seguir mellorando os servizos á veciñanza da zona rural Rafael Cuíña e Miguel Medela tamén comprobaron hoxe o avance dos traballos para levar a traída de auga a diferentes lugares da parroquia de Goiás

O Concello de Lalín iniciou hoxe as actuacións de mellora e reforma dos locais sociais de Palio, Zobra, Noceda e A Xesta. Os traballos comezaron no teleclub da Xesta, a onde esta mañá se desprazaron o alaclde de lalín, Rafael Cuíña, e o concelleiro do Rural, Miguel Medela, quenes supervisaron as primeiras actuacións que está a desenvolver a empresa adxudicataria. Posteriormente, e durante os vindeiros días, os operarios trasladaranse aos locais sociais de Zobra, Palio e Noceda, por esta orde. Estes proxectos, que se sacaron a concurso en dous lotes diferenciados, pretenden dar resposta ás necesidades da veciñanza desas parroquias e avanzar na ampliación de servizos aos habitantes do rural de Lalín.

Tal e como explica o alcalde, Rafael Cuíña, as obras de reformas destes locais sociais “permitirán seguir avanzando nas actuacións de mellora que vén desenvolvendo o Concello nos últimos tres anos, coa finalidade de incrementar as súas prestacións e ir dando resposta ás propostas formuladas polos veciños e veciñas do rural”. En concreto, o Goberno local ten proxectado un investimento de preto de máis de 73 mil euros nos arranxos nos locais sociais de A Xesta, Noceda, Palio e Zobra. As iniciativas, que se van executar con fondos da liña 1 do Plan de Concellos da Deputación provincial de Pontevedra, foron adxudicadas á empresa Hermanos Iglesias.

No caso da centro social de Palio, este está conformado por dúas estancias illadas, a primeira con superficie útil de 20 metros cadrados e a segunda, destinada principalmente a cociña, de 8 metros cadrados. Así, o obxecto principal desta actuación consistirá na ampliación do edificio existente coa unión dos dous espazos dando pé a un aproveitamento óptimo do edificio e o fácil acceso á cociña, que é moi empregada pola veciñanza dadas as frecuentes reunións e actos veciñais nas que se fai uso da mesma. Ao mesmo tempo mellorarase a estética do edificio conferíndolle un aspecto máis racional e acolledor, tanto no interior como no exterior.

Na parroquia de Zobra, o obxecto principal das actuacións a realizar é o de reparar o solado do edificio, que se atopa moi deteriorado por levantamentos que foron provocados posiblemente por cambios bruscos de temperatura. Ao mesmo tempo preténdense instalar reixas exteriores nas fiestras para evitar accesos non desexados que poidan ocasionar danos ou roubos. Estas actuacións son fundamentais para poder utilizar o centros social, posto que na actualidade resulta perigoso o seu uso debido ao risco de caídas provocado polo mal estado das plaquetas do solo.

Por outra banda, as actuacións no local social de Noceda -onde o Concello xa acometeu reparacións interiores este mandato- consistirán basicamente no cambio da cuberta de tella do edificio, pois atópase moi deteriorada polo paso do tempo, con tellas desprazadas e quebradas así como con moita maleza e afundimentos puntuais. Deste xeito, coa substitución do tellado evitarase a entrada de auga ao interior do local evitando así que se produzan danos interiores e permitindo o uso axeitado do local por parte da veciñanza.

En canto o proxecto de mellora no local social de A Xesta, as obras que se propoñen realizaranse maioritariamente no exterior, pois estado xeral da edificación é regular, presentando graves humidades na zona de escaleiras e no remate das chemineas. Tamén se observan desconchados na pintura exterior e falta de enfoscados na zona de escaleiras. Así, as obras a realizar (enfoscados exteriores e acabados mediante pinturas plásticas) son fundamentais para conservar o edificio e permitir o seu uso e desfrute por parte da veciñanza nas mellores condicións.

Visita ás actuacións de abastecemento de Goiás

Por outra banda, o alcalde de Lalín e o concelleiro do Rural tamén comprobaron hoxe o avance das actuacións para levar a traída de apara levar a traída de auga aos lugares de Cáceme, A Igrexa e Casas Novas, na parroquia de Goiás. Estas obras, que foron adxudicadas por un total de 46.404,01 euros, estarán rematadas no prazo máximo dun mes.

A construción destas novas infraestruturas para a ampliación dos sistemas de traída de augas, permitirá dar resposta ás demandas veciñais da zona e acabar cos riscos de desabastecemento que se están producindo cada verán durante os últimos anos. Os lugares de Cáceme e A Igrexa dispoñen de abastecemento veciñal, que resulta deficitario nos meses de agosto, setembro e outubro, debido á escaseza de choivas e ao conseguinte descenso do nivel freático. Esta circunstancia chega a producir un servizo de abastecemento de auga intermitente nas horas de maior consumo. Por outra banda, tamén cómpre ter en conta que nestes lugares -e en maior número no lugar da Igrexa- construíronse unha serie de vivendas posteriores á implantación da traída veciñal que non teñen abastecemento colectivo, o que na actualidade se resolve de forma autónoma con pozos que poden posuír algún grao de contaminación ou asumen riscos de contaminarse.

Para solucionar esta situación, e dar resposta ás demandas dos habitantes, está previsto que para levar a traída a Cáceme se estableza unha rede lineal ao longo da pista que vai de Pareizo á estrada nacional 640, que discorrerá tamén pola propia pista de acceso a Cáceme e que conectará coa rede municipal no lugar de Reboira. Canto ao abastecemento da Igrexa, terá conexión coa rede municipal á altura da bifurcación da pista de Casares. Terá un ramal á cooperativa de Goiás con desvío á Igrexa, ás vivendas do antigo campo da festa, e outro ramal ao longo do camiño ao depósito de auga veciñal.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín