O CONCELLO INICIA A PRIMEIRA CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE PLÁSTICOS AGRÍCOLAS DO ANO

O CONCELLO INICIA A PRIMEIRA CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE PLÁSTICOS AGRÍCOLAS DO ANO
Luns 6 de Febreiro de 2017 - Terá lugar en tres fases, realizándose recollidas os días 6, 7 e 8 de febreiro nas primeiras parroquias, o 13, 14 e 15 nas segundas, rematando nas terceira área os días 20, 21 e 22. Os plásticos entregados deben estar limpos de herba e terra e non se poderán depositar garrafas nin rodas.

O Concello de Lalín inicia hoxe, a través da empresa especialista Simas S.L, á primeira campaña de recollida de plásticos de uso agrícola do ano 2017. Así o veñen de anunciar os concelleiros de Rural e Actividade Agraria. Para levar a cabo este proceso, como é habitual, dividiuse o termo municipal en 3 grandes áreas nas que se realizarán as recollidas de residuos de xeito cronolóxico.

A primeira área comprende as localidades de Noceda, Anzo, Losón, Busto, Madriñán, Méixome, Santiso, Bermés, Prado, Bendoiro e Filgueira. Nestas parroquias habilitáronse como xornadas para depositar o material os días 6, 7 e 8. Os puntos de acopio establecéronse xunto aos centros sociais de Losón, Anzo, Méxome e Noceda, así como no campo da Festa de Bermés e no lugar de Cardexía, na finca propiedade de Vila, fronte á pista que vén de O Toxo.

A segunda área comprende as parroquias de Catasós, Vilanova, A Xesta, Barcia, Anseán, Gresande, Cristimil, Soutolongo, Botos, Moneixas, Zobra, Lebozán, Vilatuxe, Lodeiro, Doade, Donsión e Donramiro. Neste caso, os días para efectuar o depositado do material plástico serán o 13, 14 e 15 de febreiro. Os lugares de acopio habilitados para esta área son os seguintes: Xunto aos Centros Sociais de Catasós, Donsión, Vilatuxe e Lebozán, así como na estrada Lalín-Xesta (antes da ponte da autopista), xunto ao cruceiro de Doade, no aparcadoiro da igrexa en Sampaio, na cooperativa de botos, na cooperativa de Gresande, na Praza de Vilar en Soutolongo e na vía de servizo de Moneixas, preto do serradoiro.

Por último, a terceira área de recollida comprende ás parroquias de Lalín de Arriba, Xaxán, Goiás, Maceira, A Veiga, Sello, Fontecabalos, Erbo, Albarellos, Castro, Alemparte, Alperiz, Parada, Cadrón, Muimenta, Carballeda, Galegos, Cercio, Palio, Rodís, Cangas, Cello, Palmou, Camposancos e Val. Neste caso os gandeiros poderán depositar os plásticos os días 20, 21 e 22 xunto aos centros sociais de Goiás, Sello e Palmou, así como nos campos de fútbol de Cercio e Cadrón, a estrada vella de Meixomín e as cooperativas de Castro e Maceira.

Os plásticos entregados deben estar limpos de herba e terra e non se poderán depositar garrafas nin rodas. Tampouco se poderán deixar plásticos fóra das datas marcadas para a recollida.

Medela e Hermida destacaron a importancia deste servizo posto en marcha polo Concello de Lalín debido “á enorme cantidade de residuos plásticos que producen as ganderías procedentes da ensilaxe e que son moi contaminantes”. Así mesmo, lembraron que este material non se pode queimar nin depositar nos colectores convencionais. Os concelleiros chamaron unha vez máis á sensibilización de todos os produtores na xestión dos residuos e apelaron ao respecto polo medio ambiente, insistindo en que aqueles gandeiros que teñan problemas coa xestión dos plásticos se poñan en contacto co Concello antes de actuar pola súa conta.

Roteiros de Lalín