O CONCELLO INICIA A PRÓXIMA SEMANA O CALENDARIO DE CHARLAS SOBRE A AVESPA ASIÁTICA EN DIFERENTES PARROQUIAS DE LALÍN

O CONCELLO INICIA A PRÓXIMA SEMANA O CALENDARIO DE CHARLAS SOBRE A AVESPA ASIÁTICA EN DIFERENTES PARROQUIAS DE LALÍN
Luns 24 de Abril de 2017 - As primeiras reunións para a veciñanza terán lugar o luns na Xesta e Botos e o martes en Gresande e Soutolongo. Informarase sobre a problemática que entraña esta invasora e sobre os métodos de loita máis eficaces para a súa erradicación. A colaboración veciñal é fundamental para e eliminacións de velutinas.

Os concelleiros de Rural, Miguel Medela, e de Actividade Agraria, Xosé Manuel Hermida, informaron hoxe de que o Concello de Lalín iniciará a vindeira semana o calendario de charlas informativas sobre a avespa asiática que se vai desenvolver nas diferentes parroquias do municipio e que ten como obxectivo informar á veciñanza sobre a problemática que entraña esta especie invasora e sobre os métodos de loita máis eficaces para a súa erradicación.

As primeiras reunións terán lugar o luns, 24 de abril. A primeira delas levarase a cabo, ás 20.30 horas, no local social da Xesta, nunha iniciativa á que están convidada a veciñanza desta parroquia, así como a de Vilanova, Moneixas e Catasós. O mesmo luns, ás 21.30 horas, terá lugar unha segunda charla, no local social de Botos para as veciñas e veciños de Botos e Donsión. Este ciclo de encontros informativos, que estarán conducidos polo apicultor David Liñares, terán continuidade o martes, 25 de abril, nos locais sociais de Gresande e Soutolongo. O primeiro deles será de novo ás 20.30 horas e estará destinado á veciñanza de Gresande, Cristimil, Anseán e Barcia; e o segundo desenvolverase ás 21.30 horas e a el están convidadas as parroquias de Soutolongo, Doade e Lodeiro.

A posta en marcha deste calendario de charlas foi unha das cuestións que se decidiu no encontro alcaldes e alcaldesas de barrio das 52 parroquias de Lalín e que se celebrou o pasado luns na sala de prensa do Concello. O obxectivo desta iniciativa é o de dar a coñecer entre a poboación o conflito creado por este invasor e sensibilizala sobre a necesidade de proceder á súa erradicación colaborando na localización de niños e na eliminación mediante trampeo de exemplares.

O trampeo en primavera é fundamental, pois é a época na que as raíñas de velutina “despertan” e comezan a instalar os novos niños, de modo que cada raíña capturada supón un niño menos e, polo tanto, unhas 20.000 avespas obreiras menos. Lalín atópase entre os concellos de Galicia de alto risco pola presenza de velutinas, o que fai moi importante a posta en marcha de accións de loita contra este insecto mediante a colaboración cidadá, xa que a súa presenza non afecta só aos apicultores, senón que repercute noutros moitos sectores e provoca alarma social. Como exemplo da gran proliferación desta especie invasora por Lalín indica que en accións de trampeo levadas a cabo nos últimos 20 días nas zonas de Gresande, Soutullo e Ramil, se eliminaron unhas 160 raíñas.

Roteiros de Lalín