O CONCELLO INICIA OS TRABALLOS PARA DAR CONTINUIDADE ÁS BEIRARRÚAS NA AVENIDA DE OURENSE

O CONCELLO INICIA OS TRABALLOS PARA DAR CONTINUIDADE ÁS BEIRARRÚAS NA AVENIDA DE OURENSE
Venres 30 de Xuño de 2017 - Francisco Vilariño supervisou esta tarde o inicio das actuacións, que teñen a finalidade de mellorar a mobilidade viaria urbana e favorecer o tránsito peonil seguro. Esta obra enmárcase dentro dun programa máis amplo en aras de fomentar a continuidade peonil, que se vai completar ao longo do verán con melloras noutros puntos.

O Concello de Lalín, a través da brigada de obras, vén de iniciar os traballos de construción dun treito de de beirarrúa na marxe esquerda da avenida de Ourense, fronte á subestación de Fenosa. Esta actuación permitirá unir esta zona con outras que xa están pavimentadas. O concelleiro de Obras, Francisco Vilariño, supervisou esta tarde o inicio das actuacións, que teñen a finalidade de mellorar a mobilidade viaria urbana e favorecer o tránsito peonil seguro en zonas de especial importancia. Así mesmo, este proxecto tamén ten como obxecto seguir avanzando en materia de accesibilidade e seguridade viaria, eliminando barreiras arquitectónicas e posibilitando desprazamentos a pé seguros pola vila.

Esta obra enmárcase dentro dun programa máis amplo en aras de fomentar a continuidade peonil, que se vai completar ao longo do verán con melloras noutros puntos da trama urbana onde o desenvolvemento urbanístico o permita, posto que nalgúns puntos aínda están pendentes de construírse as canalizacións correspondentes, o que impide a execución de novas beirarrúas.

Unha das fases máis importantes levarase a cabo -tal e como estaba anunciado- na marxe esquerda, dende a rotonda da avenida Monte Faro ata a do entronque coa estrada N-640. Este tramo delimítase da estrada unicamente por un borde e presenta un pavimento de terra en malas condicións, con fochancas, herbas, arbustos e maleza que dificulta o paso de peóns e en materia de accesibilidade faino impracticable. A situación reverterase mediante unha humanización realizada mediante a dotación dunha capa de xabre con cemento en toda a beirarrúa, para conseguir unha base sen imperfeccións e completamente accesible.

Roteiros de Lalín