O CONCELLO INICIA O PROXECTO PARA O ARRANXO DE 17 PISTAS NO RURAL DE LALÍN CUNHA INVERSIÓN DE 400 MIL EUROS

O CONCELLO INICIA O PROXECTO PARA O ARRANXO DE 17 PISTAS NO RURAL DE LALÍN CUNHA INVERSIÓN DE 400 MIL EUROS
Xoves 10 de Agosto de 2017 - • O alcalde, que esta mañá supervisou o comezo das actuacións en Soutolongo, xunto co concelleiro de Rural e coa exconcelleira, Katia procino, mostrouse “moi satisfeito e moi ilusionado” co inicio deste programa • Nesta parroquia púxose en marcha o acondicionamento dunha praza e a mellora dunha pista • Tamén se iniciaron os traballos en Castro e Vilatuxe, que continuarán proximamente en Gondoriz e outros núcleos

O Concello de Lalín vén de dar inicio ao proxecto de mellora de accesos e pavimentacións de rúas e pistas en numerosos núcleos rurais de Lalín. O plan está financiado con cargo ao remanente de tesourería do ano 2015 e permitirá, mediante unha inversión superior aos 400 mil euros, o arranxo de 17 pistas e outros espazos en varios núcleos de poboación. As obras deron comezo onte cos primeiros traballos de acondicionamento e varias pistas e na praza de Soutolongo. Ata este lugar achegáronse esta mañá o alcalde, o tenente de alcalde e concelleiro de Rural, acompañados do técnico municipal encargado do Proxecto. Rafael Cuíña tamén convidou a estar presente no inicio destes traballos á exconcelleira, Katia Procino, xa que como el mesmo indicou, “foi a súa principal impulsora”.

As actuacións na praza de Soutolongo permitirán mellorar o aspecto deste espazo público e facer del un lugar máis integrado no núcleo. Ao mesmo tempo facilitarán a realización de cambios de sentido no tráfico que circula pola estrada PO-534 e permitirán o acceso con máis comodidade a esta calzada dos vehículos que se incorporen dende a zona de Vilar e Barcia. O proxecto inclúe a creación dunha beirarrúa perimetral, así como a pavimentación e a dotación de sinalización da praza.

Por outra banda e tamén na propia parroquia de Soutolongo, deron comezo as actuacións de mellora de pistas co inicio dos traballos de acondicionamento dun treito moi deteriorado duns 800 metros. Así mesmo, iniciáronse as actuacións nas pistas de Castro e Castro de Arriba e no acceso sur ao lugar de Vilatuxe. Nos próximos días dará comezo o arranxo dos accesos norte e sur ao lugar de Gondoriz Grande, entre outros.

O alcalde de Lalín mostrouse “moi satisfeito e moi ilusionado” co inicio dun proxecto que permitirá acometer melloras nun total de 17 pistas. “Desta maneira” - indica Cuíña - “seguimos dando resposta ás demandas e necesidades plantexadas polos veciños e veciñas, e avanzamos con paso firme na recuperación do rural: un dos principais obxectivos do Goberno de Lalín”.

En concreto, este plan propiciará unha notable mellora no estado e no trazado das seguintes pistas:

1. Pista de Castro de Arriba a Pista de Castro.

2. Acceso sur ao lugar de Vilatuxe.

3. Accesos norte e sur ao lugar de Gondoriz Grande.

4. Pista que vai de Pazo a Ludeiro.

5. Recrecido pavimento no lugar de Lalín de Arriba.

6. Reforzo nun tramo nun camiño entre Pena e Donsión.

7. Reforzo e regularización de rúas en Carballude.

8.Pavimentación do ramal de acceso a vivenda en Outeiro, Moneixas.

9. Acceso en Xanxurdo (Cristimil).

10. Pista en Outeiro cara o cruce coa pista de Belelle.

11. Acondicionamento da praza de Soutolongo.

12. Pista que comunica os lugares de Goiás, Santón, Porcallos e Maceira.

13. Recrecido de Meixomín a Lamas de Muimenta.

14. Estrada de Rodeiro a Castro de Cabras.

15. Pavimentación en Toimil, da parroquia de Galegos.

16. Acceso ao local social de Busto.

17. Pista de Erbo de Arriba a Igrexa e local social.

Por outra banda, o Concello aprobou recentemente outro paquete de obras e melloras en pistas e accesos de distintas parroquias cun investimento de 300 mil euros que se suman aos doutros proxectos como o do Plan Marco, que permitirá investir uns 100 mil euros no arranxo de pistas en zonas agrogandeiras. 

Roteiros de Lalín