O CONCELLO INICIA O ACONDICIONAMENTO DO ENTORNO DO Nº 52 DA RÚA AREAL

O CONCELLO INICIA O ACONDICIONAMENTO DO ENTORNO DO Nº 52 DA RÚA AREAL
Martes 19 de Decembro de 2017 - O espazo correspóndese co que antano ocupaba unha antiga casa en ruínas que foi derrubada deixando no lugar unha área descoidada e deteriorada. Nicolás González Casares supervisou o inicio dunha obra coa que se incrementarán as condicións da rúa Areal, dando resposta ás demandas veciñais.

O Concello de Lalín deu inicio esta mañá ao proxecto de humanización e acondicionamento do solar ubicado na zona do número 52 da rúa Areal, onde antano se ubicaba unha antiga vivenda en ruínas. O tenente de alcalde e concelleiro de urbanismo, Nicolás González Casares, supervisou xunto co técnico municipal, Antonio Bernárdez, o comezo dunha actuación que suporá o adecentamento integral dun espazo que neste momento creaba un impacto negativo na veciñanza por tratarse dunha área descoidada.

O Concello conta para a realización desta intervención cun orzamento de 20.900 euros procedentes dunha axuda da Deputación de Pontevedra ao abeiro da liña 1 do Plan de Concellos. O proxecto que hoxe se comezou a executar permitirá darlle continuidade a beirarrúa coa construción dun novo treito de 18 metros de longo que servirá para unir as dúas partes existentes e actualmente separadas polo citado solar afectado pola demolición. Así mesmo, acondicionarase a superficie do solar que quedou libre tras a desaparición da antiga edificación mediante a súa pavimentación, actuando sobre unha área total de 90 metros cadrados. Por outra banda, repararanse e melloraranse as canalizacións do saneamento existente. A pereira situada neste lugar vaise respectar e non se verá afectada polas obras.

O concelleiro de Urbanismo resalta que con esta iniciativa se avanza nas múltiples accións que o Goberno de Lalín está a desenvolver dende o inicio de mandato para incrementar as condicións da rúa Areal, dando resposta ás demandas veciñais para mellorar o entorno e a seguridade dunha das vías neurálxicas do municipio.

Roteiros de Lalín