O CONCELLO INICIA A CONSTRUCIÓN DA NOVA ROTONDA ENTRE AS AVENIDAS MADRID E CUÍÑA

O CONCELLO INICIA A CONSTRUCIÓN DA NOVA ROTONDA ENTRE AS AVENIDAS MADRID E CUÍÑA
Luns 6 de Agosto de 2018 - Trátase dunha actuación de máxima importancia que servirá para mellorar a fluidez do tráfico e incrementar a seguridade viaria para peóns e vehículos nun punto especialmente conflitivo. Está previsto que as obras finalicen antes de rematar o verán e desenvolveranse tratando de provocar as mínimas molestias e evitando os cortes de tráfico sempre que sexa posible.

Esta mañá deron comezo as obras de construción da nova glorieta que se situará na intersección entre as avenidas Estación, Montserrat, Xosé Cuíña e Madrid. O alcalde de Lalín, así como os concelleiros de Urbanismo e Obras, asistiron á sinatura da acta de replanteo e ao inicio dos traballos por parte da empresa Taboada y Ramos, que foi a adxudicataria deste importante proxecto. Como lembrou Rafael Cuíña, trátase dunha actuación de máxima importancia, pois servirá para mellorar a fluidez do tráfico e incrementar a seguridade viaria para peóns e vehículos nun punto especialmente conflitivo dentro da trama urbana e permitirá incrementar as condicións da conexión viaria e a accesibilidade entre o casco urbano e Donramiro, eliminando unha barreira histórica entre ambas localidades e dando ademais resposta ás demandas dos veciños e veciñas de Lalín.

Os tarefas realizadas hoxe por parte da empresa foron de carácter previo e serviron para adaptar a zona de cara os próximos traballos construtivos. Así, realizouse o denominado replanteo topográfico, unha operación mediante a que se marcan sobre o terreo a construír os puntos e límites básicos dor proxecto. Tamén se acometeu o roce e limpeza da zona e iniciouse a retirada de sinais, valados, farolas e outros elementos que é necesario eliminar para comezar coa construción da infraestrutura viaria. Tal e como informan dende a empresa, é posible que a construción da rotonda provoque restricións puntuais ao tráfico nesta zona, non obstante os traballos desenvolveranse tratando de provocar as mínimas molestias e evitando os cortes sempre que sexa posible. O obxectivo é que as obras estean completamente concluídas durante o verán, aínda que isto non se pode asegurar ao 100% debido ás posibles continxencias da obra en cuxa execución é preciso levar a cabo un estrito control arqueolóxico.

A glorieta terá 50 metros de radio e ocupará entre 600 y 700 metros cadrados, nuns terreos para cuxa cesión se asinaron diferentes convenios cos 11 propietarios afectados. A este respecto Nicolás González Casares lembrou que a tramitación deste investimento foi especialmente complexo, pois ademais de redactar o proxecto, foi preciso xestionar a cesión dos terreos mediante diferentes convenios, así como tramitar permisos ante a Dirección Xeral de Patrimonio, xa que a zona de actuación está catalogada no PXOM pola presenza de restos arqueolóxicos. Precisamente este foi un aspecto que se tivo en conta para o seu deseño e, tal e como se estableceu no prego de prescricións técnicas referentes á solución estética, a infraestrutura estará presidida por unha escultura que fai referencia a proximidade do Castro de Donramiro e aos restos arqueolóxicos atopados no lugar. Esta proposta embelecerá a zona gardando perfecta harmonía e integración estética coas glorietas próximas, como a rotonda do Alto de Vales, a rotonda de Willy e a rotonda de conexión da rúa Corredoira coa rúa da Ponte.

Coa execución deste proxecto, o Goberno dá cumprimento a un dos puntos establecidos no pacto de Goberno. A obra suporá un investimento de 160.936,5 procedentes do superávit da conta de 2016 e executados como investimento financeiramente sostible.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín