O CONCELLO INICIA ACCIÓNS FORMATIVAS PARA O PERSOAL MUNICIPAL PREVIAS AO INICIO DO LALÍN SSUMA 21

O CONCELLO INICIA ACCIÓNS FORMATIVAS PARA O PERSOAL MUNICIPAL PREVIAS AO INICIO DO LALÍN SSUMA 21
Xoves 1 de Decembro de 2016 - Teñen como obxecto dar a coñecer as liñas básicas de actuación e as posibles responsabilidades dos diferentes departamentos en relación á aplicación da estratexia. “A complexidade da xestión dos fondos europeos fai que o persoal municipal teña que estar en condicións de afrontar os diferentes desafíos”, explicou González Casares.

O Goberno de Lalín acaba de dar inicio a unha serie de tarefas formativas e informativas destinadas aos traballadores e traballadoras municipais previas ao inicio de estratexia DUSI LALÍN SSUMA 21, que teñen como obxecto principal dar a coñecer as liñas básicas de actuación e as posibles responsabilidades dos diferentes departamentos en relación á aplicación da estratexia. Como explicou o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, que foi o encargado de impartir as sesións, que tiveron lugar na sala de prensa do concello e que continuarán mañá, “un dos primeiros pasos é implicar aos empregados municipais para que coñezan os desafíos da posta en marcha deste proxecto”. A modo de exemplo próximo sinalou “que nuns días se publicará un cronograma específico para a xestión dos fondos e haberá que comezar a aportar documentación ao Ministerio, polo que é necesario que os departamentos municipais estean en condicións de afrontar os diferentes retos”.

Na sesión formativa desta mañá explicouse que o DUSI terá, fundamentalmente, dúas vertentes no eido organizativo: O primeiro está dirixido á cidadanía e ten relación coas cuestións de participación información e transparencia da estratexia. En segundo lugar implica crear na administración municipal unha unidade de xestión dos fondos FEDER, posto que o Concello acepta implicitamente ser o organismo intermedio de xestión destes recursos europeos. Polo tanto, a nivel administrativo local, tal e como se indicou na charla, deberase diferenciar entre a área que dirixe e executa a aplicación do DUSI e na que participarán varios departamentos (Urbanismo, Servizos Sociais, Obras, Medio Ambiente...,) e outra de supervisión.

Cómpre dicir” -apunta González Casares- “que a execución dos fondos FEDER debe ter unha rigorosa xestión preventiva do fraude, polo tanto, o referido organismo interno supervisor terá que verificar tamén que todas as actuacións a realizar sexan transparentes”. Por último, na sesión formativa explicouse que a execución do LALÍN SSUMA21 supón un dobre reto, “pois vai coincidir a implantación da administración electrónica coa xestión dos primeiros fondos europeos que acada Lalín na súa historia”.

Está previsto que antes de nadal varios concellos galegos de entre 20 mil e 50 mil habitantes beneficiarios das estratexias de desenvolvemento urbano sostible e integrado (DUSI) (A Estrada, Lalín, Ribeira, Redondela...) celebren a primeira reunión de coordinación para a posta en marcha dos proxectos.

Roteiros de Lalín