O CONCELLO INCLUIRÁ NA WEB UNHA VISITA VIRTUAL AO POLÍGONO LALÍN 2000 PARA PROMOCIONAR AS SÚAS EMPRESAS

O CONCELLO INCLUIRÁ NA WEB UNHA VISITA VIRTUAL AO POLÍGONO LALÍN 2000 PARA PROMOCIONAR AS SÚAS EMPRESAS
Martes 1 de Marzo de 2016 - O alcalde salienta que con esta medida se pretende incrementar a súa visibilidade, favorecer o seu coñecemento e facilitar a súa localización. A concelleira de Emprego agarda que a iniciativa sirva para aumentar a actividade das compañías, “o que tamén redundará na dinamización económica e na creación de emprego en Lalín”. O Concello tamén solicitou unha subvención para colocar paneis informativos nas entradas do polígono.

O Concello ten previsto incluír na súa páxina web unha visita virtual ao Polígono Lalín 2000 co obxectivo de promocionar e darlle visibilidade ás empresas que están instaladas na principal e máis ampla área industrial do municipio. Desta maneira, todas as persoas que accedan ao portal do Concello dende calquera parte do mundo terán a oportunidade de coñecer o emprazamento exacto destas empresas e comprobar cales son os servizos que ofrecen.

A visita virtual realizarase a través dun mapa do Polígono no que estarán localizadas cada unha das súas naves. Clicando sobre cada unha das parcelas que ocupan, o usuario poderá acceder a todos os datos da empresa, ademais de dispor dunha ligazón á páxina web da propia compañía, en caso de que dispoña dela.

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, explica que a principal intención desta iniciativa é colaborar dende o Concello a que se incremente o coñecemento das empresas instaladas no Polígono Lalín 2000. Os obxectivos tamén pasan por aumentar a súa visibilidade e facilitar o coñecemento da súa actividade, ao tempo que se amosa a gran oferta de produtos e servizos que ofrecen as distintas industrias que están radicadas nesa área empresarial.

Ademais, esta visita virtual que se está a impulsar dende o Concello tamén permitirá coñecer cales son os locais ou naves que están dispoñibles para a súa compra ou alugueiro no Polígono. A concelleira de Emprego, Katia Procino, afirma que “o Concello ten a obriga de poñer todos os medios para facilitar o incremento da actividade das industrias radicadas no noso municipio e, por suposto, favorecer o asentamento de novas iniciativas, algo ao que tamén contribuirá o recentemente inaugurado Viveiro de Empresas”. Procino insiste en que “calquera acción destinada a dinamizar a actividade no Polígono ten efectos beneficiosos para o conxunto do concello, xa que poderá redundar na creación de emprego e na reactivación económica”.

Por outra banda, o Concello vén de solicitar unha subvención co obxectivo de mellorar a sinalización no propio Polígono. Mediante este proxecto está previsto que se coloquen novos paneis informativos nas entradas da zona industrial. 

Roteiros de Lalín