O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, mantivo ONTE unha xuntanza con Alain Michaud, representante do Comité de Irmanamento da localidade francesa de Lalinde. A reunión serviu como toma de contacto entre o Goberno Municipal e a Federación Linden á que pertence Lalín, xunto con outras 5 vilas de distintos países europeos. Neste senso, o rexedor expresou a intención de “mellorar a comunicación e as relacións entre o Concello e as localidades irmanadas -que o anterior goberno tiña abandonadas- co fin de contribuír ao impulso cultural de Lalín”. “O contacto con outros lugares de Europa é moi interesante, pois serve para reactivar o municipio a través de actividades culturais, que antes estaban ligadas exclusivamente ao cocido durante 8 meses ao ano”, explicou Cuíña.
Por outra parte, o rexedor anunciou que se presentará ante a futura comisión de rueiros a proposta de adicarlle un espazo público ao irmanamento. Cabe destacar que a única vila da Federación que non ten ningún lugar asignado ao recoñecemento deste círculo de relacións internacionais é Lalín.
A reunión tamén serviu para dar os primeiros pasos de cara á organización do “Día de Europa”, que o ano que vén, no mes de maio, acollerá Lalín. Trátase dun evento ao que asisten representantes das diferentes vilas pertencentes á Federación Linden, que serve para reforzar lazos e programar o funcionamento da organización de cara próximos anos.