O CONCELLO FINALIZA AS ACTUACIÓNS DE LIMPEZA E DRENAXE DO MOSQUEIROS COAS QUE SE EVITARÁN DESBORDAMENTOS DO CAUDAL

O CONCELLO FINALIZA AS ACTUACIÓNS DE LIMPEZA E DRENAXE DO MOSQUEIROS COAS QUE SE EVITARÁN DESBORDAMENTOS DO CAUDAL
Luns 11 de Septembro de 2017 - As obras permitirán evitar as inundacións que afectaban a pistas, fincas e vivendas.

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, e o concelleiro de Rural, Miguel Medela, visitaron esta mañá o final das actuacións de limpeza e drenaxe superficial do regato Mosqueiros, no lugar da Laxe, na parroquia de Bendoiro. Con estas obras executadas polo Concello de Lalín, logo de longos trámites para acadar os permisos necesarios, solventaranse as crecidas do caudal do regato nas épocas de choivas, o que provocaba inundacións que afectaban a vivendas, fincas e á pista que atravesa o lugar. Así mesmo, esta actuación permitirá dar resposta a unha das grandes e históricas demandas dos veciños da zona.

O acondicionamento cumpre o obxectivo primordial de mellorar de maneira considerable a calidade de vida dos veciños da Laxe, posto que xa non terán que preocuparse polos problemas que lles provocaban as crecidas do regato no inverno, cada vez que se rexistraban fortes precipitacións.

As actuacións consistiron na limpeza do fondo do leito e na escavación das marxes, o que permitiu unha ampliación de ata catro metros de ancho e 1,02 de altura, cunha pendente de 45 graos. Desta maneira obtívose unha sección media de paso de auga de 5,12 metros cadrados, nunha lonxitude aproximada de 75 metros dende a ponte do lugar cara augas abaixo. Ademais, coa finalidade de evitar o paso da terra que se removeu cara o caudal de auga, tamén se colocaron balas de palla suxeitas con estacas cravadas no leito a unha profundidade mínima de un metro.

Roteiros de Lalín