O CONCELLO ESTUDARÁ A IMPLANTACIÓN DA ZONA AZUL EN MATEMÁTICO RODRÍGUEZ TRAS SER SOLICITADA POLOS COMERCIANTES

Venres 8 de Xuño de 2018 - Antes de tomar unha decisión o Goberno convocará reunións cos veciños e veciñas para coñecer tamén as súas opinións con respecto á posta en marcha desta modalidade de estacionamento.

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, informou hoxe de que o Concello de Lalín estudará a proposta rexistrada onte polos comerciantes e hostaleiros da rúa Matemático Rodríguez para instalar o estacionamento regulado limitado gratuíto, coñecido como zona azul nesta vía. O rexedor explicou que esta demanda xa foi comunicada a todos os membros do Goberno para valorala en conxunto e tomar unha decisión ao respecto.

Aínda así, antes de chegar a unha determinación sobre esta petición, o Goberno convocará reunións cos veciños e veciñas da rúa para coñecer tamén as súas opinións sobre a implantación desta modalidade de estacionamento. O Goberno explica que a solicitude está respaldada por un bo número de sinaturas, polo que se trata dunha demanda “con forza”. Os propietarios dos establecementos sitos na mencionada rúa transmitiron no seu escrito que a implantación da zona azul “sería a mellor solución para rematar cos problemas de aparcamento que se dan na rúa Matemático Rodríguez”. O Concello fai fincapé en que a demanda está en fase de estudo e aínda non hai ningunha resolución, tratándose exclusivamente dunha petición formulada polos comerciantes e hostaleiros da zona.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín