O CONCELLO ESTUDA A INSTALACIÓN DE ELEMENTOS PARA A PRÁCTICA DO PARKOUR E DOUTRAS ACTIVIDADES DE CULTURA URBANA NAS PRAZAS DE ALDEA GRANDE

O CONCELLO ESTUDA A INSTALACIÓN DE ELEMENTOS PARA A PRÁCTICA DO PARKOUR E DOUTRAS ACTIVIDADES DE CULTURA URBANA NAS PRAZAS DE ALDEA GRANDE
Luns 2 de Outubro de 2017 - Coa súa creación ofrecerase unha alternativa á crecente afección a estes deportes e seguirase poñendo en valor a praza para que sexa un espazo vivo e con actividade. Valórase reinvestir as baixas do parque infantil e da cancha multideporte neste proxecto.

O Concello de Lalín xa traballa en novos proxectos cos que seguir dotando de infraestruturas para uso e desfrute veciñal as partes superiores infrautilizadas ata hai pouco da parte superior do aparcadoiro público Aldea Grande. Así, tras o inicio das obras para a construción dunha nova área de xogos infantís e o próximo comezo dos traballos de creación dunha pista multideporte, o Goberno instalará na superficie deste edificio elementos para a práctica do parkour e outras actividades da cultura urbana como pode ser o skate. Así o vén de anunciar o concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, quen afirmou que dotar de contidos a antiga Praza Europa persegue o obxectivo de facer que esta área deixe de ser un espazo deserto en pleno centro da vila e se converta nun lugar atractivo e con vida onde se poidan practicar múltiples actividades.

González Casares sostén que, tal e como se demostrou nas xornadas de ocio urbano que tiveron lugar o martes das festas, dentro do programa Lalín coa Mocidade, os deportes urbanos como o parkour gañan cada vez máis adeptos entre a xuventude, polo que a instalación de elementos permanentes para a práctica desta actividade será moi ben recibida pola crecente afección. O edil tamén anunciou que a creación desta nova área de esparcemento se levará a cabo pouco a pouco botando man de diferentes investimentos. Unha posibilidade de financiación parte das considerables baixas que se produciron nos proxectos de construción do parque infantil e da cancha multideporte e que poderían ser reinvestidas neste novo espazo de deportes urbanos. O Goberno de Lalín considera importante que as prazas superiores do aparcadoiro Aldea Grande se convertan en zonas atractivas e de uso por parte da poboación, lonxe de seren espazos baleiros e sen actividade, polo que a máis longo prazo tampouco descarta a instalación de novas zonas verdes neste punto.

Roteiros de Lalín