O CONCELLO EMPRENDE UN PLAN PARA A MELLORA DA ACCESIBILIDADE NOS LOCAIS SOCIAIS DO RURAL

O CONCELLO EMPRENDE UN PLAN PARA A MELLORA DA ACCESIBILIDADE NOS LOCAIS SOCIAIS DO RURAL
Luns 13 de Novembro de 2017 - Trátase dunha das múltiples iniciativas postas en marcha polo Goberno para lograr que Lalín se converta nun referente a nivel galego en materia de mobilidade e accesibilidade. Revisaranse todos os centros sociais do termo municipal para actuar naqueles que o precisen. Este proxecto súmase a outros que se están desenvolvendo actualmente tanto a través da brigada como de iniciativa privada.

Os concelleiros de Obras e de Rural, Francisco Vilariño, e Miguel Medela, veñen de anunciar a posta en marcha dun novo proxecto municipal en aras de mellorar a accesibilidade nos espazos de uso público. O programa de actuacións levarase neste caso ao rural, mediante un plan de accesibilidade nos locais sociais municipais. O obxectivo da iniciativa é -como explicaron os edís- adaptar, mediante diferentes obras, os accesos a estas edificacións, de maneira que non representen un obstáculo para as persoas con problemas de mobilidade e o resto dos cidadáns. O proxecto xa deu comezo con actuacións en centros sociais como o da parroquia de Sello, que recentemente visitaron os concelleiros acompañados do encargado da brigada de obras e servizos. Neste caso a intervención consistiu na construción dunha rampla de acceso ao local que permite aos usuarios introducirse no edificio evitando obstáculos.

O programa seguirá en marcha nos vindeiros meses con traballos naqueles locais sociais que o precisen, onde se van facer rebaixes e ramplas para facilitar a entrada de calquera persoa. Serán desenvolvidos con persoal propio da brigada de obras conseguindo así un importante aforro económico. En total, no termo municipal de Lalín existen 52 locais sociais que están sendo avaliados para comprobar cales necesitan unha intervención en aras de mellorar a súa accesibilidade.

Francisco Vilariño lembrou que esta é unha máis das múltiples iniciativas postas en marcha polo Goberno para lograr que Lalín se converta nun referente a nivel galego en materia de mobilidade e accesibilidade. Ao mesmo tempo fixo fincapé en que “a accesibilidade é un dereito de todos e non un privilexio duns poucos” e neste sentido incidiu en que “o Goberno municipal segue a demostrar que ten un firme compromiso político para avanzar no obxectivo de que Lalín sexa un dos concellos máis accesibles de Galicia. O edil tamén recordou que este traballo de integración non só favorece ás persoas con discapacidade ou limitacións na mobilidade, senón ao resto da poboación.

Nesta liña remarcou que apostar pola accesibilidade tamén no rural ten especial importancia por ser o lugar de residencia de moitas persoas en idade avanzada ás que se lles debe facilitar o acceso a espazos públicos e de convivencia como son os centros sociais onde, ademais, habitualmente se realizan actividades dirixidas a este colectivo. Por último lembrou que calquera cidadán que detecte a presenza de barreiras arquitectónicas se poña en contacto coa concellería para tratar de pórlle solución coa maior prontitude.

Roteiros de Lalín