O CONCELLO ELABORARÁ UN PLAN MUSEOLÓXICO E UN MUSEOGRAFICO DO MUSEO GALEGO DA MARIONETA PARA INSCRIBILO NO MUGA E GARANTIR A SÚA VIABILIDADE

O CONCELLO ELABORARÁ UN PLAN MUSEOLÓXICO E UN MUSEOGRAFICO DO MUSEO GALEGO DA MARIONETA PARA INSCRIBILO NO MUGA E GARANTIR A SÚA VIABILIDADE
Martes 25 de Abril de 2017 - Este trámite -explica a concelleira de Cultura- “non só é un requisito legal, senón unha marca de excelencia e unha garantía á hora de posicionar o Museo territorial e publicamente, así como de cara o futuro”. Trátase de documentos complexos que recollen un gran volume de información sobre os obxectivos do museo, a conservación da exposición, a seguridade etc. A súa redacción permitirá dar cumprimento aos compromisos acadados entre Concello e Viravolta Títeres no convenio asinado en 2014.

A concelleira de Cultura, Lara Rodríguez, vén de anunciar que o Concello de Lalín elaborará un Plan museolóxico e outro museográfico do Museo Galego da Marioneta. Tal e como explicou, a redacción destes documentos permitirá inscribir o Museo -o único dedicado á marioneta e ao mundo dos monicreques en Galicia- no Sistema Galego de Muesos (MUGA), un requisito legal que garantirá a viabilidade do proxecto. Ao mesmo tempo, esta inscrición servirá para dar cumprimento aos compromisos establecidos no convenio asinado entre Concello e Viravolta Títeres S.L no ano 2014, e ir dotando de entidade xurídica a colección que alberga o Pazo de Liñares. Para a redacción dos plans o Concello conta cun orzamento de 43.531 euros (17.980 +IVE cada un), procedentes dunha achega da Deputación de Pontevedra a través da liña 2 do Plan de Concellos.

Estes documentos son imprescindibles para que o Consello da Xunta de Galicia aprobe a inscrición do Museo no rexistro. Neles apórtase un gran volume de información e acredítase que se conta cunha colección suficiente e adecuada aos obxectivos do museo, un inmoble que garanta as condicións de conservación, seguridade e visita pública e medios humanos, económicos e técnicos para a súa viabilidade.

Inscribir o Museo Galego da Marioneta no Sistema Galego de Museos (MUGA) é o resultado automático de acadar o recoñecemento de museo ou colección visitable por parte da Xunta de Galicia. Polo tanto, o Concello, a fin de cumprir co compromiso adquirido no convenio de 2014, debe reunir a documentación e os requisitos necesarios, así como mobilizar os medios precisos para a súa realización e abrir as canles oportunas de comunicación. Os plans museolóxico e museográfico deben acompañar a solicitude, sen estes nin tan sequera se admite a trámite a instancia. Nesta liña a concelleira de Cultura apunta que “tras tres anos dende a sinatura do convenio sen que se levase a cabo acción ningunha, unha maior demora fará imposible satisfacer este punto, pois chegar a acordos, redactar os documentos e realizar os trámites oportunos é un proceso que se pode dilatar bastante no tempo”.

O plan museolóxico constitúe unha reflexión interna e holística acerca da institución, recolle a súa motivación e misión, a mensaxe que quere transmitir, define a tipoloxía das colecións, o ámbito de actuación, os públicos aos que se dirixe e outros aspectos de carácter xeral. Tamén analiza e avalía o proxecto, fundamentalmente a través da historia e o carácter do ente, e, finalmente, avanza aspectos relacionados co programa de coleccións, o expositivo e arquitectónico, a comunicación, a seguridade e os recursos humanos e económicos.

Por outro lado, o plan museográfico desenvolve os aspectos prácticos do anterior, determina como executalo; por exemplo, ademais de indicar as áreas temáticas da exposición permanente, detalla a selección de pezas, o deseño de cada elemento, etc.

A inscrición do Museo Galego da Marioneta no rexistro da Xunta” -prosegue Lara Rodríguez- “non só é un requisito legal, senón unha marca de excelencia e unha garantía á hora de posicionalo territorial e publicamente, así como de cara o futuro”. “Por outra banda, o interese de contar cun Museo Galego da Marioneta é patente” -sostén- “non só porque é o único co que conta o noso país, senón tamén polo seu carácter idiosincrático que a tradición e a historia dos monicreques europeos adopta en Galicia, a vinculación e enraizamento do proxecto co sector, a súa bagaxe colaborativa e a súa diferenciación co respecto a outras propostas no Estado, ademais de ao apoio social e do sector cultural galego”.

Roteiros de Lalín