O CONCELLO ELABORARÁ UN PLAN DE POTENCIACIÓN DA PRAZA DE ABASTOS PARA CONVERTELA NUN DOS MOTORES DA DINAMIZACIÓN COMERCIAL DE LALÍN

O CONCELLO ELABORARÁ UN PLAN DE POTENCIACIÓN DA PRAZA DE ABASTOS PARA CONVERTELA NUN DOS MOTORES DA DINAMIZACIÓN COMERCIAL DE LALÍN
Luns 20 de Marzo de 2017 - O alcalde reafirma a aposta do Goberno por este espazo como polo de atracción de clientes e locomotora do sector no centro urbano. Cuíña mantivo esta semana unha reunión cos praceiros para solicitar a súa implicación nesta iniciativa, que se recolle como unha medida fundamental no Plan de Comercio que se presentará o 20 de abril. Como primeira medida, o Goberno ten previsto aprobar unha ampliación do horario de apertura da praza.

O Concello de Lalín acometerá nos vindeiros meses a elaboración e posta en marcha dun plan revitalizar e potenciar a praza de Abastos. O alcalde, Rafael Cuíña, mantivo esta semana un encontro cos comerciantes do mercado no que lles trasladou esta decisión e lles solicitou a súa implicación nunha iniciativa que ten como obxectivo fundamental “converter á praza nun gran polo de atracción de clientes e, en consecuencia, na principal locomotora da zona comercial do municipio”. De maneira previa á elaboración deste plan, e como unha das primeiras medidas, o alcalde explicou que o Goberno ten previsto aprobar nas vindeiras semanas unha ampliación do horario das instalacións para dar resposta ás necesidades suscitadas polos responsables e clientes dalgúns dos seus establecementos.

O Goberno”, explica o rexedor, “ é plenamente consciente de que o mercado de abastos é un dos grandes valores para propiciar o impulso e a dinamización do sector comercial de Lalín, pero para iso debemos aplicar as medidas necesarias que permitan para revitalizar os seus importantes valores e que na actualidade poden estar algo desaproveitados”. Á gran calidade dos seus produtos e o seu servizo de proximidade, Rafael Cuíña suma “unha aposta decidida pola modernización das instalacións -algo no que xa estamos traballando dende o inicio do mandato- e a diversificación da súa actividade”. Nesta liña, o alcalde considera que a praza de Abastos, non só debe ser un referente para os clientes que queren atopar un produto de confianza e de calidade, senón que debe ir máis alá para “tirar tamén dos comercios que se sitúan no seu ámbito de influencia”. Esta é, precisamente, unha das conclusións que sinala o Plan de Comercio elaborado polo Concello de Lalín e a AED, e que se presentará o vindeio 20 de abril.

Para iso, Cuíña indica que os vendedores -ademais de afondar na súa identificación cos produtores da zona e buscar un valor engadido ao que se ofrece nas grandes áreas comerciais- “debe ofrecer un servizo que dea resposta ás actuais necesidades dos consumidores sen deixar de lado, por suposto, a súa esencia”. “Para nos”, prosegue, “é unha prioridade definir e aplicar as melloras necesarias para que a praza de Abastos sexa unha referencia comercial e se converta no motor que tire de todo o sector na zona urbana de Lalín, aínda que para acadar este obxectivo tamén resulta fundamental o compromiso de todos os operadores”.

Roteiros de Lalín