O CONCELLO EFECTUARÁ NOS PRÓXIMOS DÍAS MELLORAS E REFORMAS NOS LOCAIS SOCIAIS DE SOUTOLONGO, CANGAS, BOTOS, PARADA E VILATUXE

O CONCELLO EFECTUARÁ NOS PRÓXIMOS DÍAS MELLORAS E REFORMAS NOS LOCAIS SOCIAIS DE SOUTOLONGO, CANGAS, BOTOS, PARADA E VILATUXE
Martes 14 de Novembro de 2017 - As actuacións desenvolveranse de acordo coas peticións realizadas nas diferentes reunións mantidas cos veciños. Estes traballos de mantemento súmanse ás obras proxectadas polo Concello en diferentes locais sociais e que suporán un investimento de preto de 200 mil euros. Xa se levou a cabo a ampliación do de Prado e diferentes obras nos de Moneixas e Noceda. Tamén se levarán a cabo novas melloras nos locais de Palio, Zobra, Noceda e A Xesta.

O concelleiro do Rural, Miguel Medela, anunciou hoxe que o Concello vai desenvolver dende esta semana e nos próximos días actuacións de mellora e de reforma en diferentes locais sociais do municipio. Estes traballos, que se desenvolverán de acordo coa orde de peticións efectuadas pola veciñanza nas reunións mantidas nas últimas semanas, beneficiarán ás instalacións emprazadas nas parroquias de Soutolongo, Cangas, Botos, Parada e Vilatuxe.

Así, tal e como explica Miguel Medela, en Soutolongo vaise pintar o local por dentro e por fóra. Algo que tamén se fará no local ubicado en Cancelas, na parroquia de Cangas, onde ademais das tarefas de pintado tamén se vai arranxar o tellado e as canalizacións da auga; neste caso tamén se realizarán tarefas de limpeza e de roza nas inmediacións do “teleclub”. No que se refire ao local social de Parada, os traballos tamén inclúen o pintado por dentro e por fóra e o arranxo do tellado e das canalizacións da auga, ao igual que no de Botos. Ademais, no de Parada tamén se instalará unha cheminea francesa e se cambiará o mostrador que existe nun dos espazos do inmoble. No caso da parroquia de Vilatuxe, as actuacións proxectadas beneficiarán a dous locais: o de Vilatuxe e o de Moa. En ambos casos se realizará o pintado interior e exterior das instalacións. De maneira específica, no de Vilatuxe vaise dividir o soto e no de Moa vaise arranxar o tellado e as canalizacións da auga.

Estas actuacións súmanse ás que vén desenvolvendo o Concello nos últimos meses en diferentes centros sociais parroquiais coa finalidade de incrementar as súas prestacións e ir dando resposta ás propostas formuladas polos veciños e veciñas do rural. En concreto, o Concello xa finalizou a ampliación do local social de Prado e levou a cabo reformas de calado nos centros sociais de Moneixas e Noceda, proxectos nos que o Goberno realizou un investimento de máis de 90.000 euros. Ademais, o Goberno ten proxectado o investimento de 100.000 euros en novos arranxos nos locais sociais de A Xesta, Noceda (para completar os xa realizados), Palio e Zobra. Estes proxectos vanse executar con fondos do Plan de Concellos da Deputación. Deste xeito, a inversión final en melloras nos locais socias do rural alcanzaría entre finais de 2016 e 2017 os preto de 200.000 euros.

Así mesmo, hai que sumar as numerosas tarefas de mantemento postas en marcha pola brigada de obras en centros de varias parroquias. Desta maneira, o Goberno de Lalín foi realizando múltiples traballos de acondicionamento nos locais sociais botando man da brigada de obras. Entre outros, pintáronse os de Méixome, Catasós e Vilanova, entre outros. Neste último, ao igual que no de Sello, tamén se construíu unha rampla de acceso. Así mesmo, realizáronse reparacións exteriores no de Donramiro.

O Goberno municipal salienta a importancia destas actuacións “que reflicten, unha vez máis, o compromiso e o interese do Goberno de Lalín polo rural e por seguir dotando de servizos as aldeas do municipio”. As obras nos locais sociais son sempre moi agardadas polos veciños e veciñas, motivo polo que o Concello adquiriu o compromiso de executalas, tendo en conta que manter os centros sociais en boas condicións facilita que se enchan de vida e de actividade, contribuíndo así á dinamización sociocultural no rural.

Roteiros de Lalín