O CONCELLO E UNIÓNS AGRARIAS ABORDAN O “CATASTRAZO” E AS BONIFICACIÓNS A EXPLOTACIÓNS

Xoves 17 de Agosto de 2017 - • O próximo luns, ás 21.30 horas, no salón teatro, terá lugar unha reunión informativa aberta ao público sobre esta cuestión. O Concello incorporará á ordenanza a natureza “estratéxica” das granxas, o que permitirá bonificalas de cara o 2018 con ata o 95% da cota íntegra do IBI.

O alcalde de Lalín mantivo esta mañá unha reunión de traballo con membros e técnicos do Sindicato Unións Agrarias (UUAA) para abordar o proceso de regularización catastral impulsado polo PP dende Madrid e as súas consecuencias no sector agrogandeiro. No encontro púxose de relevo a falta de información que en xeral hai no rural sobre este proceso, o que provoca que se estean a producir un gran número de reclamacións na semana na que comezaron a chegar as notificacións sobre os ben regularizado. Neste senso, o alcalde lembrou que o Concello de Lalín activou nas oficinas o ORAL un servizo de asesoramento sobre o proceso e que os propios concelleiros de Facenda atenderán polas tardes no consistorio a quen o desexe.

Outro dos puntos que se tratou no encontro foi o da bonificación do 95% ás explotacións agrarias no recibo do IBI. O Goberno de Lalín aprobou en marzo do pasado ano unha moción que declaraba “estratéxicas” as explotacións gandeiras o que permitirá realizar rebaixas no IBI e, deste xeito, paliar os efectos da regularización catastral nos bens agrícolas. Así, O Concello incorporará á ordenanza a natureza “estratéxica” das granxas, o que permitirá bonificalas de cara o 2018 con ata o 95% da cota íntegra do imposto por seren inmobles nos que se desenvolven actividades económicas de especial interese ou utilidade municipal.

Por outra banda, o próximo luns, ás 21.30 horas, no salón teatro, terá lugar unha reunión informativa aberta ao público sobre esta cuestión, organizada por UUAA e o Concello. Ao encontro acudirán técnicos que tratará de resolver todas as dúbidas dos presentes con respecto ao “catastrazo”.

Rafael Cuíña fixo referencia á preocupación que existe no rural sobre o proceso de regularización catastral, que cualificou como “un novo ataque do PP ao noso rural”. Nesta liña indicou que o Goberno de Lalín sempre se posicionou do lado dos produtores, de modo que puxo en marcha as medidas legais necesarias para paliar os graves efectos deste proceso sobre o sector lácteo e o rural, en xeral. 

Roteiros de Lalín