O CONCELLO E ULLA OIL LEVAN OS NENOS E NENAS AO PARTIDO OBRADOIRO-IBEROSTAR TENERIFE

O CONCELLO E ULLA OIL LEVAN OS NENOS E NENAS AO PARTIDO OBRADOIRO-IBEROSTAR TENERIFE
Martes 14 de Novembro de 2017 - O encontro disputarase no pavillón Multiusos do Sar o domingo, día 19 de novembro, ás 18.00 horas. Esta mañá presentouse no concello a iniciativa, que permitirá a 25 menores pertencentes a familias con escasos recursos presenciar un partido de basket do máximo nivel. González Casares mostrouse moi agradecido coa firma por contar co Concello de Lalín para desenvolver esta actividade.

O Concello de Lalín e a empresa subministradora de combustible, Ulla Oil, fletan un autobús para o partido de baloncesto que enfrontará ao Monbus Obradoiro contra o Iberostar Tenerife. O encontro disputarase no pavillón Multiusos do Sar o domingo, día 19 de novembro, ás 18.00 horas. Ulla Oil dóalle ao Concello un total de 25 entradas. Os seus beneficiarios serán nenos e nenas de familias con escasos recursos, dándolle tamén prioridade aos que forman parte do programa de deporte inclusivo do Concello e, en particular, aos 13 menores que adestran co club de baloncesto local Basketdeza. Ao partido irán acompañados por adultos. Nicolás González Casares aproveitou para expresar o seu agradecemento cos equipos lalinenses que participan no programa de deporte inclusivo e reservan prazas gratuítas nas súas canteiras para nenos e nenas pertencentes a familias en situación de dificultade económica.

O edil mostrouse tamén moi agradecido coa compañía Ulla Oil por pensar en Lalín e brindarlle aos máis pequenos a oportunidade de ver en directo un partido de elite da mellor liga de baloncesto de Europa. González Casares lembrou que Ulla-Oil xa contou con Lalín o ano pasado para desenvolver esta campaña, levando, daquela, a nenos e nenas a presenciar o encontro Obradoiro vs Bilbao Basket, que tivo lugar no mes de decembro. A experiencia -sostén o concelleiro- foi moi positiva e todos os cativos asistentes quedaron encantados, polo que estamos verdadeiramente satisfeitos e agradecidos de poder repetir.

Como patrocinador do club santiagués, Ulla Oil puxo en marcha un programa para axudar a crear afección e, ao mesmo tempo, fomentar o deporte entre os nenos e nenas. Esta mañá estivo no concello o comercial da empresa, Ángel Casal, que acompañou a Nicolás González Casares na presentación da actividade, que tivo lugar na sala de prensa do consistorio.

Roteiros de Lalín