O CONCELLO DOTARÁ A ALDEA DE VILAR DO RÍO DUN SISTEMA DE DEPURACIÓN NATURAL E INNOVADOR

O CONCELLO DOTARÁ A ALDEA DE VILAR DO RÍO DUN SISTEMA DE DEPURACIÓN NATURAL E INNOVADOR
Luns 4 de Decembro de 2017 - Dará servizo á rede de saneamento desta localidade que se vai executar o ano que vén. González Casares e Celia Alonso visitaron xunto cos veciños os terreos nos que se construirá a nova EDAR, que depura as augas residuais mediante a creación de humedais. O Goberno destaca o seu compromiso co medio ambiente arradicando os vellos sistemas de depuración e apostando por estacións depuradoras ecolóxicas e respectuosas co entorno.

O Concello de Lalín vai dotar a aldea de Vilar do Río, pertencente á parroquia lalinenses de Bendoiro, dun novo sistema de depuración de augas residuais ecolóxico e respectuoso co medio ambiente, que servirá para dar servizo á rede de saneamento que paralelamente se executará nesta localidade. Este proxecto será financiado a través dunha achega do Plan de Concellos da Deputación de Pontevedra de 51.955 euros, recentemente aprobada polo organismo provincial. A concelleira de Medio Ambiente, Celia Alonso, mais o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, achegáronse hoxe a Vilar do Río para informar os veciños e veciñas do proxecto e para inspeccionar os terreos nos que se vai ubicar a nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), que xa foron cedidos ao Concello polos seus propietarios para poder desenvolver esta actuación en beneficio común.

O novo sistema de depuración” -explicou Alonso- “é do mesmo tipo que o que se executou en Zobra”. Trátase dun modelo de tratamento absolutamente innovador, patentado pola empresa galega SedAqua e desenvolvida por investigadores da Universidade da Coruña (UDC), “que consiste na creación de humedais que depuran as augas residuais a través das plantas que crecen nel”. Pero ademais de ser máis respectuosa co medio ambiente e o entorno, xa que non precisa do uso de axentes químicos, a EDAR ecolóxica alcanza un aforro de mantemento superior ao 50% con respecto aos sistemas convencionais. Isto débese, tal e como explicou Celia Alonso, a que os gastos de mantemento se reducen a comprobacións periódica de tubaxes e arquetas. Así mesmo, o gasto en enerxía redúcese con respecto ás depuradoras tradicionais entre un 80 e un 90%, debido a que practicamente non precisa bombeos. Outras vantaxes desta EDAR son a nula xeración de cheiros e a súa perfecta integración na paisaxe, cuxo nulo impacto visual e singularidade, pode incluso chegar a converterse nun atractivo.

Segundo a concelleira de Medio Ambiente, a decisión do Goberno de Lalín de erradicar os vellos sistemas e apostar por estacións depuradoras ecolóxicas “reflicte o compromiso do Concello polo medio ambiente por preservar saúde dos inmensos valores naturais e paisaxísticos de Lalín, tendo en conta, ademais, que as EDAR instaladas polo anterior goberno están dando tantos problemas de funcionamento”. Porén, a titular de Medio Ambiente fai fincapé en que, “sen dúbida, a depuración mediante humedais é a máis apropiada, xa que reducirá ao mínimo o impacto das augas residuais na zona, integrarase na paisaxe e preservará a saúde medio ambiental do entorno e, en particular, dos seus ríos”.

O proxecto de saneamento da aldea de Vilar do Río vai beneficiar a máis de 100 veciños e veciñas, que dende hai anos solicitaban contar con este servizo. O proxecto está en fase de redacción e está previsto desenvolvelo durante o ano que vén, construíndo a un tempo a depuradora e as canalizacións para que as vivendas poidan conectarse á rede de sumidoiros tan pronto estea rematado.

Esta actuación enmárcase dentro das múltiples accións municipais enfocadas a dotar de servizos dignos o rural lalinense. A concelleira dixo que “se trata dun proxecto de reseñable complexidade, pero que se sacará adiante con éxito, entre outras cuestións, porque contamos coa inestimable colaboración dos veciños e veciñas para levar a cabo esta actuación que demandan con urxencia”.

Roteiros de Lalín