O CONCELLO DESTINARÁ MÁIS DE 26 MIL EUROS Á ELABORACIÓN DUN PLAN DE MOBILIDADE SUSTENTABLE

O CONCELLO DESTINARÁ MÁIS DE 26 MIL EUROS Á ELABORACIÓN DUN PLAN DE MOBILIDADE SUSTENTABLE
Xoves 26 de Abril de 2018 - O concelleiro de Urbanismo salienta que este documento estratéxico permitirá realizar un diagnóstico acertado sobre a mobilidade urbana e establecer propostas concretas para actuar González Casares indica que o gran obxectivo desta iniciativa é favorecer a mobilidade e accesibilidade das persoas coa maior eficiencia enerxética e o menor impacto ambiental, e da forma máis segura e inclusiva posible. A Deputación de Pontevedra vén de conceder unha achega de 20 mil euros para o desenvolvemento deste proxecto. O Concello achegará a cantidade restante con fondos previos cunha modificación de crédito que se levará este mes a Pleno. A redacción deste proxecto é necesaria dentro do OT4 da estratexia LalínSsuma21 para promover unha economía baixa en carbono.

O tenente de alcalde anunciou hoxe que o Concello vai investir un total de 26.620 euros na redacción dun plan específico de mobilidade sustentable para Lalín. Tal e como explica Nicolás González Casares, esta iniciativa ten como obxectivo básico sentar as bases e medidas concretas para favorecer a mobilidade e accesibilidade das persoas coa maior eficiencia enerxética e o menor impacto ambiental, e da forma máis segura e inclusiva posible. Precisamente, a Deputación Provincial de Pontevedra vén de comunicar a concesión dunha achega de 20 mil euros para a elaboración deste proxecto, unha cantidade cubre o 75 por cento do custe total da iniciativa. O 25 por cento restante financiarase con fondos propios mediante unha modificación de crédito que se levará ao Pleno ordinario deste mes de abril e que se celebrará o venres. Unha vez cumplimentado este trámite, a redacción do Plan licitarase mediante concurso aberto, coa previsión de que a súa elaboración este completamente rematada nun prazo non superior a un ano.

Nicolás González Casares explica que o Plan de Mobilidade do Concello de Lalín será un documento estratéxico que vai permitir realizar un diagnóstico acertado sobre a mobilidade urbana, no que se establecerán propostas concretas para actuar a corto, medio e longo prazo sobres as vías de comunicación e espazos públicos de maneira que aumenten a súa calidade, dándolle prioridade ás persoas e á convivencia por enriba dos vehículos. Partindo desta base, o documento servirá para garantir o equilibrio entre as necesidades de mobilidade e de accesibilidade da poboación, favorecendo a protección do medio ambiente e impulsando o desenvolvemento económico e a inclusión social.

Con esta filosofía xeral, o plan recollerá as medidas necesarias para reducir a necesidade de mobilidade mediante vehículo privado, favorecendo as condicións que propicien o uso do transporte público e os modos non motorizados. Tamén permitirá potenciar e afianzar os itinerarios peonís e en bicicleta, deseñar zonas urbanas libres de coches ou con acceso restrinxido, mellorar a seguridade viaria, determinar un novo modelo de aparcamentos, reordenar o tráfico ou identificar os lugares de interese turístico para establecer estratexias de fomento dos mesmos.

Ao mesmo tempo, a redacción deste Plan permitirá reforzar o desenvolvemento local e urbano no marco da estratexia financiada con fondos europeos, “LalínSsuma21”, que contempla, dentro do seu obxectivo temático 4 (OT4), promover unha economía baixa en carbono. Para alcanzar este fin débese cumprir previamente co obxectivo intermedio de promover a mobilidade urbana sostible en Lalín, fomentando unha mobilidade multimodal e accesible no municipio. Para isto, preténdese mellorar a accesibilidade a mobilidade e a continuidade urbana a través dunha aposta clara pola continuidade cos barrios periurbanos, buscando e implantando novas estratexias que fomenten a multimodalidade no transporte. Para acadar todo isto será preciso realizar a redacción deste plan de mobilidade específico para o concello de Lalín.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín