O CONCELLO DESTINA 10.000 EUROS ÁS ASOCIACIÓNS DE MULLERES DE LALÍN PARA O DESENVOLVEMENTO DE ACTIVIDADES

Venres 16 de Xuño de 2017 - O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra.

A concelleira de Muller e Igualdade, Celia Alonso, vén de anunciar que o Concello de Lalín vai destinar un total de 10.000 euros este ano destinadas a fortalecer o tecido asociativo de mulleres e impulsar a súa participación e incorporación no ámbito político, social, económico, laboral e cultural mediante a realización de actividades que contribúan ao principio de igualdade entre mulleres e homes.

Poderán obter a condición de beneficiarias as asociacións de mulleres sempre que cumpran os seguintes requisitos:

a) Carecer de ánimo de lucro

b) Ter o seu domicilio social no termo municipal de Lalín.

c) Ter un ámbito de actuación territorial que non exceda do termo municipal de Lalín.

d) As mulleres socias representarán polo menos o 90% das persoas asociadas.

e) Non ter pendente de xustificar ningunha subvención concedida polo Concello de Lalín.

f) Estar inscritas no Rexistro municipal de Asociacións.

g) Estar ao corrente das súas obrigas tributarias, coa Seguridade Social e co Concello de Lalín.

h) Ter entre os seus fins estatutarios a promoción da igualdade de oportunidades ou a defensa dos dereitos e intereses das mulleres.

Serán actividades subvencionables:

  • a promoción e a participación das mulleres en tódolos ámbitos da vida social e cultural.

  • a promoción da educación para a igualdade e a eliminación dos estereotipos sexistas.

  • a sensibilización e a concienciación sobre a violencia de xénero.

  • a promoción da saúde e da calidade de vida das mulleres.

  • a mellora da autoestima das mulleres a través do desenvolvemento personal e a adquisición de habilidades sociais.

  • a promoción da información e a análise sobre temas de interese da realidade social que favorezan a participación e a información das mulleres en diferentes áreas e cuxo tratamento se realice desde unha perspectiva de xénero.

As solicitudes de subvención, xunto coa documentación, presentaranse no modelo normalizado, no Rexistro Xeral do Concello de Lalín ou ben por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra.

Roteiros de Lalín