O CONCELLO DE LALÍN TRATARÁ DE ASUMIR A ORGANIZACIÓN DA CARREIRA SOLIDARIA DAS DORES

O CONCELLO DE LALÍN TRATARÁ DE ASUMIR A ORGANIZACIÓN DA CARREIRA SOLIDARIA DAS DORES
Mércores 9 de Agosto de 2017 - • O Banco Santander comunicou a cancelación deste tipo de eventos promocionais, pero en vista do éxito da pasada edición, o Concello considera adecuado seguir adiante coa súa celebración • Parte do diñeiro recadado a través das inscricións irá destinado, tal e como estaba previsto, á Cruz Vermella de Lalín • González Casares, destacou o éxito participativo, así como o gran ambiente que creou nas rúas esta carreira nocturna que en 2016 serviu como “pistoletazo” de saída saudable ás festas patronais

O Banco Santander vén de comunicarlle ao Concello de Lalín que, debido aos recentes cambios producidos no seo desta entidade en canto políticas de promoción, as carreiras solidarias “1, 2, 3 A correr” -entre as que estaba programada a do día 22 de setembro en Lalín- deixarán de levarse a cabo. Ante esta situación, o concelleiro de Deporte, Nicolás González Casares, anunciou que o Concello de Lalín tratará de asumir a organización deste evento deportivo. “Tendo en conta o absoluto éxito que tivo esta proba o ano pasado e que xa tiñamos aprobado o regulamento e o percorrido, así como postos en marcha os mecanismos para a súa celebración, decidimos seguir adiante con esta actividade, asumindo a súa organización dende o Concello”, explicou o tamén tenente de alcalde.

A carreira, aínda que debido a esta nova situación terá un carácter máis modesto, seguirá mantendo o seu espírito solidario. Deste xeito, parte do diñeiro recadado a través das inscricións irá destinado, tal e como estaba previsto, á Cruz Vermella de Lalín, que colaborará na organización. Do mesmo xeito, falarase coa comisión de festas para estudar en que medida pode formar parte deste evento e ir perfilando diferentes detalles ao seu respecto. De todos os xeitos, Nicolás González Casares explicou que nos próximos días se confirmará de xeito definitivo se se pode seguir adiante coa celebración da carreira ao ser moi numerosos os aspectos organizativos que a rodean e estar pendente de poder afrontalos todos.

O edil de Deportes, destacou o éxito participativo da pasada edición, así como o gran ambiente que creou nas rúas esta carreira nocturna que serviu como “pistoletazo” de saída saudable ás festas patronais. Porén e, malia o imprevisto anuncio do Banco Santander, o Concello de Lalín considera oportuno realizar un esforzo para evitar que esta carreira se perda e poder conservar unha actividade dinamizadora que se agarda poida repetir o rotundo éxito do 2016. 

Roteiros de Lalín