O CONCELLO DE LALÍN TRAMITOU 55 EXPEDIENTES DE ACTIVIDADE PARA NEGOCIOS NO QUE VAI DE 2018

O CONCELLO DE LALÍN TRAMITOU 55 EXPEDIENTES DE ACTIVIDADE PARA NEGOCIOS NO QUE VAI DE 2018
Xoves 7 de Xuño de 2018 - Máis do 65 por cento deses expedientes teñen relación coa apertura de novos establecementos ou cambios de titularidade. O alcalde de Lalín resalta que dende xuño de 2015 de tramitaron máis de 300 expedientes deste tipo, moi por riba das cifras dos anos anteriores. O número corrobora o constante crecemento experimentado dende o inicio de mandato na dinamización comercial e empresarial, o que tamén redunda na creación de emprego.

O Concello de Lalín tramitou dende o día 1 de xaneiro ao 31 de maio deste ano un total de 55 expedientes urbanísticos relativos a actividades para negocios. É unha cifra que xa se sitúa por riba da metade dos 107 rexistrados durante todo o ano pasado e que, de continuar con esta tendencia, previsiblemente se verán superados ao remate de 2018.

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, apunta que este dato corrobora que se mantén o constante crecemento experimentado dende o inicio de mandato na concesión de licencias relativas a actividades. “Cómpre salientar”, resalta o rexedor, “que dende hai tres anos o número de expedientes foi medrando exponencialmente, unha tendencia que se mantén cando aínda non chegamos á metade deste ano e que seguramente nos fará estar por riba as cifras de exercicios anteriores”.

Nesta liña, Rafael Cuíña indica que “aínda é máis significativo deste novo escenario o feito de que dende xuño de 2015 ata xuño deste ano se tramitaron máis de 300 expedientes deste tipo, moi por enriba dos 139 tramitados durante os últimos anos do Partido Popular”. Esta cifra, sumada á redución do número de desempregados rexistrado no mesmo período, “fainos ser moi optimistas con respecto á evolución do noso tecido produtivo e ao repunta da actividade económica, o que sen lugar a dúbidas tamén está a contribuír a que mellore a situación do noso mercado laboral”. Tras superar os peores anos da crise económica, “o Goberno municipal está a poñer os alicerces para facer de Lalín un lugar atractivo para investir e para poñer en marcha unha empresa ou negocio, o que fai que a nosa actividade comercial estea a experimentar un considerable crecemento”. Para Rafael Cuíña “esta situación, por suposto, está a xerar un caldo de cultivo moi propicio para a creación de emprego”.

Polo miúdo, o alcalde destaca que os 55 expedientes de actividade para negocios rexistrados nos 5 primeiros meses de 2018 xa están moi preto dos 60 rexistrados en 2014 e por riba dos 35 rexistrados en 2013 ou os 22 do ano 2012. Con respecto aos 55 que van en 2018, máis dun 65 por cento deles -un total de 36- están referidos a licencias para a apertura de establecementos (18) ou cambios de titularidade (18), mentres que o resto se reparten maioritariamente entre licenzas de obras e comunicacións previas.

Ademais dos 55 expedientes relativos a actividades, o Concello de Lalín tramitou no que vai de ano 2018 outros 177 expedientes urbanísticos. Tratáse doutra cifra que, cando aínda non se superou o ecuador do ano 2018, “é ilustrativa do inmenso esforzo que se está realizando no departamento de Urbanismo, que dirixe Nicolás González Casares, e que constata o elevado ritmo de concesión de licencias e de xestión de todo tipo de trámites, que tamén vén derivado da axilidade que propiciou a implantación da administración electrónica. Desta maneira facilítanse as xestións para que calquera persoa que queira montar un negocio ou pedir licenza de obras no municipio poida facelo da maneira máis rápida posible e sen atoparse con trabas burocráticas.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín