O CONCELLO DE LALÍN SOLICITARÁ UN OBRADOIRO DE EMPREGO ENFOCADO AO ÁMBITO FORESTAL E Á PREVENCIÓN DE INCENDIOS

O CONCELLO DE LALÍN SOLICITARÁ UN OBRADOIRO DE EMPREGO ENFOCADO AO ÁMBITO FORESTAL E Á PREVENCIÓN DE INCENDIOS
Luns 11 de Xuño de 2018 - Medela e J. Manuel Fernández agradecen a colaboración do Distrito Forestal, que participará co Concello na elaboración dunha memoria que servirá para xustificar a solicitude. Os concelleiros destacaron a utilidade deste obradoiro, que permitirá formar novos profesionais en seguridade ambiental ao tempo que se ofrecen novas oportunidades laborais. Poderán participar 20 persoas cunha duración contractual de 12 meses, dos que 9 serán en formación e 3 en prácticas empresariais.

Os concelleiros de Emprego e Rural, José Manuel Fernández e Miguel Medela, anunciaron hoxe que o Concello de Lalín está traballando nun proxecto en base ao que se lle solicitará á Xunta de Galicia a concesión dun obradoiro de emprego enfocado ao ámbito forestal e á prevención de incendios. Esta solicitude vaise formular ao abeiro da orde de subvencións impulsada pola Consellería de Economía e Emprego para a posta en marcha de obradoiros de emprego duais nos que se reserva unha partida prioritaria para actuacións en especialidade de seguridade, vixilancia e extinción de incendios forestais, así como para a construción, instalación e mantemento de infraestruturas de prevención e extinción de lumes.

Os concelleiros explicaron que para contar coas máximas garantías de que a demanda do Concello sexa resolta favorablemente, se contactou co Distrito Forestal de Deza-Tabeirós, quen colaborará na elaboración dunha memoria na que se van recoller as principais necesidades e os ámbitos de actuación prioritarios en materia forestal e de prevención de incendios. En base a este documento, os servizos municipais de emprego elaborarán o proxecto que será remitido á Xunta para a concesión deste obradoiro.

Medela e Fernández explicaron que o taller de emprego estará dirixido a persoas en situación de desemprego maiores de 18 anos. No mesmo poderán participar un total de 20 traballadores e traballadoras que serán contratados por un período de 9 meses en formación aos que se sumarán outros 3 de prácticas en empresas locais dos que se fará cargo o Concello de Lalín.

Os concelleiros titulares de Rural e de Emprego fixeron fincapé na utilidade desta iniciativa xa que consideran imprescindible formar novos profesionais en materia forestal e seguridade ambiental relacionada cos incendios forestais, un mal que sofre Galicia cada ano e do que Lalín non é alleo. Neste sentido, os concelleiros mostráronse optimistas de cara a concesión dun taller que permitirá, por un lado, avanzar mediante a certificación de novos profesionais na loita contra os incendios forestais e, por outro, ofrecer unha oportunidade laboral a lalinenses en situación de desemprego. Finalmente, os concelleiros mostraron o seu fondo agradecemento ao Distrito Forestal XVI Deza-Tabeirós, pola súa disposición a colaborar co Concello de Lalín aportando unha información imprescindible para a elaboración dun proxecto de solicitude sólido e correctamente xustificado no que se recollerán todas as necesidades e prioridades existentes no municipio relacionadas co ámbito forestal e de prevención de incendios.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín