O CONCELLO DE LALÍN RECOLLEU NO QUE VAI DE ANO CASE 131 TONELADAS DE PLÁSTICOS AGRÍCOLAS

O CONCELLO DE LALÍN RECOLLEU NO QUE VAI DE ANO CASE 131 TONELADAS DE PLÁSTICOS AGRÍCOLAS
Mércores 26 de Xullo de 2017 - Cando aínda queda cando menos outra recollida en outono, a cifra xa supera á de todo o ano 2015 e está moi próxima ás case 146 toneladas de 2016

O Concello de Lalín recolleu no que vai de ano 130.840 quilos de plásticos de uso agrícola, dos cales 64.260 corresponden á última campaña, que desenvolveu o pasado mes de xuño. Con esta cifra total de case 131 toneladas (e á espera de cando menos unha nova campaña de recollida en outono) esta iniciativa vai camiño de superar a cantidade de plásticos de ensilaxe recollidos o ano pasado, cando se obtiveron case 146 toneladas de plásticos agrícolas. Ademais, a estas alturas de ano xa se superou o número de toneladas recollidas en 2015, ano no que se chegou ás 114.

Para facilitar aos produtores a entrega de material habilitáronse 26 puntos de acopio en diferentes parroquias do municipio. Os puntos de depósito onde se acumulou unha cantidade máis relevante de material agrícola na campaña do mes de xuño foron os de Goiás (13.500 quilos), Cercio (8.500 quilos), Gresande (6.500 quilos) e Méixome (5.940 quilos).

Estas cifras reflicten a importancia de que se ofreza este servizo por parte do Concello, xa que nas gandarías prodúcese unha enorme cantidade de desfeitos plásticos procedentes do silo, moi contaminantes e que non se poden depositar en colectores convencionais nin queimar. A complexidade do seu procesamento esixe que este tipo de refugallos sexan xestionados por empresas especializadas. Por outra banda, a crecente cantidade de plásticos do silo entregados tamén reflicte unha maior sensibilización por parte dos gandeiros na xestión dos residuos e no coidado do medio ambiente.

Roteiros de Lalín