O CONCELLO DE LALÍN REACTIVARÁ A SOLICITUDE PARA QUE VARELA BUXÁN TEÑA O SEU DÍA DAS LETRAS GALEGAS

O CONCELLO DE LALÍN REACTIVARÁ A SOLICITUDE PARA QUE VARELA BUXÁN TEÑA O SEU DÍA DAS LETRAS GALEGAS
Mércores 7 de Decembro de 2016 - O Goberno súmase desta maneira as diferentes voces que levan reivindicando este recoñecemento dende hai anos. Tamén se lle reiterará á Real Academia Galega a proposta para que se homenaxee de igual xeito a Ramón de Valenzuela. O alcalde de Lalín xa se puxo en contacto esta semana co secretario da Real Academia Galega.

O Concello de Lalín reiteraralle á Real Academia Galega a proposta para que estude a posibilidade de dedicarlle o Día das Letras Galegas ao dramaturgo Manuel Daniel Varela Buxán. Esta reivindicación, compartida por outros municipios e entidades, reactivouse a pasada fin de semana durante a homenaxe que se lle dedicou ao escritor na parroquia de Cercio, coincidindo co seu trixésimo cabodano.

A petición para que Varela Buxán teña un Día das Letras Galegas xa foi expresada en diferentes ocasións durante os últimos anos, sen que ata polo de agora obtivese resposta positiva por parte da Real Academia Galega, a institución científica encargada de decidir a personalidade literaria á que cada ano se lle dedica o 17 de maio. O Goberno de Lalín considera que Manuel Daniel Varela Buxán atesoura méritos máis que suficientes para que a súa figura sexa merecente deste recoñecemento pola ilustración, defensa e promoción do idioma galego que fixo coa súa obra. Coñecido como o patriarca do teatro galego, este escritor deixou unha ducia de pezas teatrais nas que, cunha óptica costumista, realista e ruralista –e sen escapar do humor- recolle tamén a reivindicación dos principais problemas de Galicia e unha forte denuncia social.

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, xa se puxo en contacto esta semana co secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, para falar sobre a pertinencia de realizar este tipo de solicitudes, peticións de estudo ás que a institución se amosa receptiva. Cuíña tamén explicou que o Concello tamén vai retomar a proposta para que outro escritor dezao, e con fortes vencellos con Lalín, poida ter o seu Día das Letras Galegas. Trátase de Ramón de Valenzuela.

Nado o 3 de outubro de 1914, mantivo unha estreita vinculación con Lalín e as súas xentes, tal como se reflicte na súa vida e obra. Proba da pegada lalinense na obra de Valenzuela é a aparición do personaxe, existente na realidade local, deO Naranxo”, en moitas pasaxes dos seus relatos. Practicamente non hai obra de Valenzuela na queO Naranxonon estea presente. Fortemente comprometido co galeguismo e a República, tras o inicio da Guerra Civil, tivo que fuxir a Francia, estivo nun campo de concentración, foi encarcerado e acabou por exiliarse na Arxentina ata o seu regreso a Galicia no ano 1966.

Roteiros de Lalín