O CONCELLO DE LALÍN PROXECTA A HUMANIZACIÓN DO ENTORNO DO PARQUE JOAQUÍN LORIGA

O CONCELLO DE LALÍN PROXECTA A HUMANIZACIÓN DO ENTORNO DO PARQUE JOAQUÍN LORIGA
Martes 28 de Febreiro de 2017 - O proxecto roldará os 100 mil euros e executarase con cargo á baixa orzamentaria das obras de reparación da Rolda Leste, que ascende a 195.891,36. O concello tamén reinvestirá parte da baixa orzamentaria no arranxo da rúa 4 e das xuntas de dilatación da ponte do auditorio, así como na ampliación do local social de Prado.

O Concello de Lalín vai investir un total de 104.395,61 euros en humanizar o entorno do parque de Joquín Loriga, un proxecto que permitirá -tal e como anunciou o concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares- “mellorar de maneira moi considerable o deseño urbanístico e estético da zona”. A actuación consistirá na substitución do actual firme de asfalto por un de lousas no treito da rúa Matemático Rodríguez que se sitúa entre Colón e Castelao. Desta maneira a rúa quedaría ao mesmo nivel das beirarrúas, nas que se colocarían bolardos para evitar o estacionamento de vehículos. O proxecto executarase con cargo ás baixas da obra de recuperación da Rolda Leste, para a que a Deputación aportou, a través da liña 1 do Plan de Concellos, 502.026,20 euros, dos que finalmente foron executadas 306.134,84, producíndose así, unha baixa por importe de 195.891,36, dos que o Concello vén de solicitar a súa reinversión.

O concelleiro de Urbanismo salienta que esta actuación poñerá en valor un dos puntos neurálxicos da vila, a poucos metros do Quilómetro 0 e da nova biblioteca, e xusto entre a praza da Torre e a estatua de Loriga. González Casares indica que “este novo deseño tamén permitirá aumentar de maneira moi notable o elevado potencial de desenvolvemento social e comercial que xa ten de por si a zona”. En todo caso, a mellora non implicará cambios nin cortes no tráfico rodado. A circulación de vehículos por esa rúa seguirá sendo como na actualidade, pero cun deseño moito máis versátil que facilitará peches nas fins de semana ou noutras ocasións puntuais do treito para desenvolver actividades de dinamización ou levar a cabo iniciativas como a Algarabía, que se celebra tradicionalmente nesta zona.

González Casares aclarou que, nun principio, tal e como fora anunciado, coas baixas da Rolda Leste se ía construír a rotonda de Donramiro na circunvalación, máis o Concello está á espera de informes por parte da Dirección Xeral de Patrimonio para esta obra. Tendo en conta que as actuacións levadas a cabo a través de baixas orzamentarias teñen que estar xustificadas a 31 de decembro de 2017, desestimouse construír a rotonda con estes fondos tendo en conta a natureza das obras e posibles demoras que se puideran ocasionar. Non obstante, o tenente de alcalde sinala que a creación da glorieta no punto referido segue adiante e que se executará a través doutra vía.

Nicolás González Casares tamén anunciou que con cargo aso 195.244,45 euros da baixa da Rolda Leste se realizarán outros proxectos como o reforzo na pavimentación da rúa 4, así como a reparación da xunta de dilatación da ponte do auditorio, na Rolda Leste. O proxecto de arranxo da citada rolda urbana non contemplaba a reparación da xunta de dilatación, polo que o paso de vehículos propiciou a aparición de baches neste punto. Estes proxectos teñen un orzamento de 22.437.72 euros. Por outra banda, un total de 61.964,77 euros serán destinados ao proxecto de ampliación e de dotación de calefacción do edificio do centro social da Parroquia de Prado, un proxecto que está pendente da cesión de terreos por parte de veciños.

Roteiros de Lalín