O CONCELLO DE LALÍN PROXECTA A HUMANIZACIÓN DAS RÚAS PRINCIPAL E LORIGA PARA CREAR UN ENTORNO URBANO MÁIS ATRACTIVO E ACCESIBLE

O CONCELLO DE LALÍN PROXECTA A HUMANIZACIÓN DAS RÚAS PRINCIPAL E LORIGA PARA CREAR UN ENTORNO URBANO MÁIS ATRACTIVO E ACCESIBLE
Luns 4 de Septembro de 2017 - O novo deseño urbanístico da zona non implicará ningún cambio no tráfico de vehículos, que se manterá exactamente igual que na actualidade. A iniciativa permitirá substituír o actual deseño da calzada por unha plataforma ao mesmo nivel das beirarrúas. O Goberno acometerá nos vindeiros meses a redacción do proxecto para que as obras se poidan executar no segundo semestre de 2018. Destinaranse a esta iniciativa 450 mil euros, dos que o 80 por cento se financiará con cargo aos fondos europeos DUSI.

O Concello de Lalín acometerá o vindeiro ano o proxecto para a humanización das rúas Principal e Loriga. Esta iniciativa, que permitirá mellorar de maneira moi considerable o deseño urbanístico e estético da zona, consistirá na substitución do actual modelo de calzada por unha plataforma de accesibilidade ao mesmo nivel das beirarrúas. A execución desta proposta non implicará ningún cambio na circulación de vehículos, que se manterá exactamente igual que na actualidade. Agora mesmo esas dúas rúas só se pechan ao tráfico durante as fins de semana, mentres que o resto dos días permanecen abertas ao paso e ao estacionamento de automóbiles.

Con esta iniciativa, o Goberno tamén pretende potenciar a conservación e recuperación desta zona, para a súa posta en valor como espazo social, cultural e economicamente activo. Ademais, ampliará o seu papel como espazo de convivencia, nun punto neurálxico para o desenvolvemento da vida social e comercial de Lalín. Con estas actuacións habilitarase, ademais, un entorno urbano moito máis atractivo no centro da vila, o que permitirá atraer un maior número de visitantes a Lalín e avanzar na solución a algunhas das eivas detectadas polo Plan de Acción para o Comercio e a Hostalería.

Por outra banda, tamén se cumprirán os obxectivos de mellorar a mobilidade urbana nunha zona neurálxica da vila, dotar a estas dúas vías centrais dun amplo e prolongado espazo de accesibilidade e, sobre todo, mellorar a percepción por parte dos veciños das zonas urbanas gañadas ao automóbil creando deste xeito unha nova conciencia de mobilidade cidadá.

O Goberno de Lalín levará a cabo nos vindeiros meses a redacción do proxecto, para definir a división dos diferentes espazos, os seus usos, a súa ornamentación e mobiliario e tamén o material que se vai empregar na construción da plataforma. Con respecto a este último aspecto, probablemente non se vaia utilizar pedra -como se está a facer na humanización de Matemático Rodríguez- senón que a opción máis acaída sexa o formigón impreso. Este material resulta máis axeitado para o deseño destas rúas, posto que vai manter exactamente como ata o de agora o paso e o estacionamento de vehículos. Ademais o seu uso tamén permitiría aforrar tempos de execución de obra.

En concreto, está previsto que os traballos se desenvolvan no segundo semestre do ano 2018. En calquera caso, o Goberno vai negociar con veciños e comerciantes da zona de intervención a mellor época para a posta en marcha dos traballos, que teñen un investimento previsto de máis 450 mil euros. A maior parte desa cantidade (en concreto o 80 por cento) financiarase con cargo aos cinco millóns de fondos europeos FEDER que obtivo o concello para o desenvolvemento da súa estratexia DUSI.

Roteiros de Lalín