O CONCELLO DE LALÍN PROXECTA A CREACIÓN DUNHA PISTA DE DEPORTE NA ZONA INTERMEDIA EXTERIOR DO APARCADOIRO ALDEA GRANDE

O CONCELLO DE LALÍN PROXECTA A CREACIÓN DUNHA PISTA DE DEPORTE NA ZONA INTERMEDIA EXTERIOR DO APARCADOIRO ALDEA GRANDE
Venres 3 de Marzo de 2017 - Terá un custo de 59.000 euros e irá con cargo á baixa dun dos proxectos de rehabilitación e saneo da Rolda Leste. A súa superficie será de céspede artificial, un material moi adecuado para a práctica deportiva. O espazo servirá para aproveitar un dos espazos exteriores do aparcadoiro e será de gran utilidade por estar nunha zona céntrica, contribuíndo á dinamización social do lugar.

O Goberno de Lalín vai construír unha nova pista de multideporte na planta intermedia exterior do aparcadoiro Aldea Grande, un espazo diáfano de 78 metros de lonxitude libre de obstáculos que, polo tanto, se adapta á perfección para acoller esta nova instalación lúdico-deportiva. Porén, tratándose dun espazo bastante grande e de ubicación céntrica, idóneo para atraer a gran cantidade de persoas, elixiuse esta zona para instalar a pista, que será de céspede artificial e terá unhas dimensións de 20X50 metros. A infraestrutura terá un custe de 59.000 euros e será sufragada con cargo á baixa por importe de 108.078 euros dos 299.300 achegados pola Deputación de Pontevedra para un dos dous proxectos de rehabilitación e saneo da Rolda Leste, e dos que o Concello vén de solicitar a súa reinversión en diferentes actuacións.

O alcalde, Rafael Cuíña, di que este tipo de iniciativas van englobadas dentro dunha idea urbana de desfrute da poboación dándolle máis oportunidades ao lecer dentro dun concepto de vila na que teñen que ser partícipes as persoas. Así mesmo, os concelleiro de Deportes, Nicolás González Casares e Miguel Medela, consideran que esta nova infraestrutura de xogos vai ser de gran utilidade para a cidadanía, en gran medida, por ser a única instalación deportiva deste tipo situada nun punto totalmente céntrico da vila. Deste xeito -afirman- o espazo deportivo axudará a desconxestionar outros espazos lúdicos como o parque da Praza da Vila, o máis utilizado polos nenos e nenas en Lalín. Así mesmo, a pista propiciará o aproveitamento da parte exterior do Párking Aldea Grande -sen apenas uso- dándolle utilidade e dinamizando socialmente esta zona. Os concelleiros fan fincapé en que a cancha será a única da vila deste tipo con céspede artificial, un terreo con grandes prestacións para a práctica deportiva.

As actuacións a executar, ademais daqueles traballos previos necesarios para adecuar o terreo de cara o comezo das obras, consisten no subministro dunha moqueta de céspede artificial cor verde con características adecuadas para a práctica de tenis, fútbol sala ou baloncesto. Os rolos de céspede estenderanse flotantes sobre un pavimento dotado previamente para garantir unha adecuada drenaxe. Así mesmo, instalarase na pista un cerramento exterior executado en taboleiro de gran resistencia ao desgaste, nula absorción de auga e excelente comportamento fronte ao ruído. A pista dotarase con dúas canastras de baloncesto tipo americano antivandálicas e con dúas porterías de fútbol sala ou balonmán coas súas respectivas redes antivandálicas. Adicionalmente instalaranse outras 4 canastras de baloncesto laterais integradas. O prazo para a correcta execución da pista deportiva sinalada estímase suficiente en 3 meses.

Roteiros de Lalín