O CONCELLO DE LALÍN PON A DISPOSICIÓN DA VECIÑANZA E DE MANEIRA ÍNTEGRA O PROXECTO PARA A MELLORA DA PRAZA DE ABASTOS

O CONCELLO DE LALÍN PON A DISPOSICIÓN DA VECIÑANZA E DE MANEIRA ÍNTEGRA O PROXECTO PARA A MELLORA DA PRAZA DE ABASTOS
Venres 6 de Xullo de 2018 - Con esta medida calquera cidadán poderá consultar os seus detalles e valorar o alcance desta intervención para a mellora do mercado, que está valorada en máis de 86 mil euros. O concelleiro de Comercio solicitou autorización para facelo público ao colectivo de praceiros, que o encargaron e pagaron.

O Concello de Lalín pon a disposición de toda a veciñanza, a través desta mesma páxina web, o proxecto para a mellora e acondicionamento da praza de Abastos. A decisión adóptase para que calquera persoa interesada poida consultar de maneira íntegra esta iniciativa, consensuada co colectivo de praceiros. O concelleiro de Comercio, José Manuel Fernández, indica que lle solicitou autorización aos propios comerciantes para facelo público, tendo en conta que foi un proxecto encargado e pagado por eles, aínda que o seu deseño foi consensuado co Concello.

Pódese acceder ao proxecto completo a través do seguinte enlace: http://lalin.gal/multimedia/documentaciondixital/proxecto-acondicionamen...

O Goberno lembra que a reforma proposta xa conta coa autorización da dirección Xeral de Patrimonio e que se trata dunha actuación ambiciosa e que permitiría o acondicionamento integral da actual zona de venda e a modernización do mercado de abastos de Lalín. Esta remodelación, acompañada do proceso para a adxudicación dos postos vacantes, vai servir para encher de actividade o Mercado e será un acicate para incrementar as vendas de todo o conxunto.

Neste sentido, cómpre recordar que o investimento de 86.361,54 euros propiciaría as seguintes actuacións:

  1. Redistribución e renovación dos acabados dos postos comerciais existentes no centro da praza.

  2. Mellora do aspecto interior da praza, dos seus elementos decorativos e acabados.

  3. Mellora do pavimento da parte Este do edificio.

  4. Dotación de instalacións de electricidade, fontanería e saneamento para os postos comerciais que se renoven.

  5. Acondicionamento estético interior e homoxeneización de acabados nos postos comerciais existentes.

  6. Instalación dun panel expositor informativo.

  7. Colocación dunha persiana metálica para poder independizar a zona de acceso e escaleiras da ala lateral comercial existente.

Un dos punto máis destacados do proxecto radica na substitución dos actuais postos comerciais do centro do mercado, realizados en chapa de aceiro, por outros novos, construídos mediante ladrillo cerámico e revestido mediante un alicatado de gres branco, que lle conferirán unha maior vistosidade e elegancia. Estes postos tamén se dotarán dunha pérgola decorativa en madeira, de mostradores e das correspondentes estantarías expositoras de produtos. Con estas obras mellorarase substancialmente a estética do conxunto da praza e redistribuiríanse os espazos en seis novos postos comerciais individuais de dimensións, superficies, materiais e dotacións necesarias para que resulten máis atractivos para os futuros usuarios e para o público en xeral.

Por outra banda, o proxecto propón a colocación dun novo acabado decorativo na parte superior dos paramentos existentes, incluídos os dos accesos e as escaleiras, mediante a instalación de taboleiros ornamentais que lle darán maior protagonismo ao espazo interior ao contrastar estes novos materiais de revestimento decorativo cos existentes.

A actuación tamén leva consigo a renovación integral do pavimento de cemento existente debido ao seu defectuoso estado de conservación, que dificulta de forma importante as labores de limpeza do mesmo. A intervención levarase a cabo mediante a aplicación dun morteiro de alta resistencia e compresión realizado unha preparación previa do soporte. Proponse tamén o pintado das perdes interiores da zona de acceso e escaleiras e entre os actuais postos cunha pintura plástica en cor a definir, coa finalidade de mellorar a estética destes espazos e homoxeneizar o seu acabado. O teito do edificio tamén será repintado na súa parte interior previa reparación dos defectos de acabado que presenta actualmente.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín