O CONCELLO DE LALÍN PERSEGUIRÁ A PLANTACIÓN DE EUCALIPTOS EN SOLOS RÚSTICOS AGROPECUARIOS

O CONCELLO DE LALÍN PERSEGUIRÁ A PLANTACIÓN DE EUCALIPTOS EN SOLOS RÚSTICOS AGROPECUARIOS
Luns 20 de Marzo de 2017 - O tenente de alcalde anuncia que se iniciarán traballos de inspección para denunciar ante a Xunta plantación ou repoboación desta especie invasora. Nicolás González Casares lembra que tamén está prohibida a plantación de mimosas.

O Goberno de Lalín adoptará medidas para combater a plantación de eucaliptos nos solos rústicos agropecuarios do municipio. Así o anunciou hoxe o tenente de alcalde, quen explicou que “malia que o Concello non ten competencias directas en materia de montes, si as ten na aplicación de medidas cautelares urbanísticas e de inspección, o que nos permitirá poñer en coñecemento da Consellería de Medio Rural e da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) as posibles plantacións desta especie”. Neste sentido, Nicolás González Casares anunciou que o Concello iniciará nas vindeiras semanas traballos de vixilancia para detectalas e “denunciará calquera plantación ou repoboación de eucaliptos que se localice nas zonas de especial protección agropecuaria”.

O concelleiro de Urbanismo lembra que estes solos foron dedicados no seu día ao desenvolvemento da agricultura e a gandería e que, nalgúns casos, son produto de concentracións parcelarias nas que se investiron inxentes cantidades de cartos para conseguir que fosen terras produtivas. Polo tanto, considera “aberrante ter gastado tanto diñeiro en acondicionar espazos agrícolas para que finalmente se acabe plantado neles especies invasoras”. “Moito máis”, afirma, “cando esas plantacións -non só de eucaliptos, senón doutras especies- están prohibidas nese tipo de solos”. Dende o Goberno solicitáronse nas últimas semanas informes á asesoría xurídica municipal para ver de que forma se pode loitar contra a forestación por medio especies invasoras en solos agrícolas. Tomando como base eses informes, e na parte que compete ao Concello, farase un seguimento e formularanse as denuncias que correspondan para evitar que se dean este tipo de situacións.

Ademais, o tenente de alcalde lembra que é competencia do Concello defender as características propias do seu territorio e a paisaxe do mesmo. “O goberno, polo tanto, declarase inimigo do monocultivo de eucaliptos polas consecuencias que ten para a riqueza forestal propia do noso país”. Por outra banda, o Concello amósase interesado nas iniciativas que se están a levar a cabo co obxectivo de que en Galicia haxa máis restricións para as masas de eucaliptos. Tamén se lle reclamará á Xunta de Galicia “que contemple a singularidade da nosa paisaxe, na que existen moitas masas frondosas, -aínda que moitas de pequeno tamaño- que non poden nin deben ser invadidas por eucaliptos”.

Finalmente Casares recorda que hoxe en día tamén existe a prohibición absoluta da plantación de acacia dealbata (coñecidas como mismosas), polo que este feito está perseguido e penado. Desta maneira, o Concello tamén actuará contra quen plante esta especie nas zonas urbanas e en solos de núcleo. 

Roteiros de Lalín