O CONCELLO DE LALÍN INICIA O PROCESO PARA AMPLIAR O CEMITERIO DE A ROMEA

O CONCELLO DE LALÍN INICIA O PROCESO PARA AMPLIAR O CEMITERIO DE A ROMEA
Luns 12 de Marzo de 2018 - Coa posta en marcha desta actuación o Concello de Lalín atenderá as demandas da cidadanía e dá cumprimento a unha reivindicación plenaria. O proxecto permitirá incrementar a súa superficie actual en preto dun 80%, alcanzando os 20.625 metros cadrados, o que significa aumentar a súa capacidade en cerca de 3.100 nichos. Casares afirmou que se salvagardará na medida do posible o bosque existente nos terreos que se van adquirir e que se conservarán as árbores de maior porte. Tamén se contemplará a construción de novos nichos no actual cemiterio e a remodelación da zona de servizos existentes.

O Concello de Lalín vén de dar inicio ao procedemento para acometer o proxecto de ampliación do cemiterio de A Romea en base ao establecido na modificación puntual 13 do PXOM aprobada para tal efecto. Así o vén de anunciar o concelleiro de Urbanismo e tenente de alcalde, Nicolás González Casares, quen tamén explica que o Concello comezará de maneira paralela a redacción do proxecto urbanístico, que neste caso será elaborado polo arquitecto municipal, Martín Cerreda.

A ampliación do camposanto municipal de A Romea permitirá incrementar a súa superficie actual en preto dun 80 por cento, alcanzando os 20.625 metros cadrados, o que significa aumentar a súa capacidade en cerca de 3.100 novos nichos. Dada a taxa bruta de mortalidade actual en Lalín, isto representa garantir este servizo básico cidadán durante polo menos unha década. A ampliación proposta do cemiterio sitúase nos terreos lindeiros cara o este, que están clasificados polo planeamento municipal como Solo Rústico Común. Nicolás González Casares fixo referencia ao interese municipal por axilizar a súa adquisición coa finalidade de atender as necesidades da cidadanía.

O proxecto para esta actuación urbanística” -indicou o edil- “terá en conta a ampliación do cemiterio salvagardando na medida do posible o bosque existente nos terreos que se van adquirir e vanse conservar aquelas árbores de máis porte”. “Así mesmo” -engadiu- “optarase por un modelo de nichos máis que de sepulturas para optimizar en todo o posible o espazo dispoñible e tamén se contemplará a a instalación de columbarios”. Por outra banda, o concelleiro anunciou que na redacción do proxecto, ademais das infraestruturas a implantar na zona ampliada, se contemplará a construción de novos nichos no actual cemiterio e a remodelación da zona de servizos existentes.

En todo caso, o proxecto, máis aló da construción dos nichos, incluirá actuacións correspondentes a explanacións, urbanización, pavimentacións e sinalizacións, así como a traballos de xardinería, regadío, alumeado, ou a construción dun muro perimetral, sempre procurando a súa integración co xa existente.

O concelleiro sinala que os custes estimados para a execución da ampliación do camposanto municipal de A Romea superarán con seguridade os 200.000 euros, estimación inicial que se recollía na documentación da modificación puntual número 13 do PXOM pero que se verá superada ao completarse con melloras no cemiterio actual. Estes custes comprenden tanto os traballos de urbanización como a obtención do solo e as indemnizacións. Para a obtención dos terreos, o Concello de Lalín vaille solicitar á Deputación de Pontevedra unha achega de 90.000 euros. Coa posta en marcha desta actuación o Goberno tamén dá cumprimento a unha reivindicación plenaria.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín