O CONCELLO DE LALÍN HABILITARÁ UN NOVO PASO DE PEÓNS NA AVENIDA DE CARRAGOSO

Venres 3 de Marzo de 2017 - A medida permitirá incrementar a seguridade viaria dos viandantes nunha zona na que existen dúas paradas de bus escolar. O proxecto xa conta co visto e prace da Xunta de Galicia, administración titular da estrada na que se vai actuar.

O Concello de Lalín procederá nos próximos días ao pintado dun novo paso de peóns á altura do punto quilométrico 0,200 da PO-206. Esta iniciativa xa conta coa autorización da Xunta de Galicia, que é a administración titular da vía sobre a que se vai a actuar. O concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, remitiu a finais do pasado mes de decembro a solicitude para este novo paso peonil co obxectivo de “mellorar a seguridade viaria na avenida de Carragoso”.

Nese treito xa existen dous pasos de peóns, pero están moi afastados das dúas paradas de bus escolar -unha en cada sentido da circulación- que puxo o Concello hai uns meses”. “Polo tanto”, indica o tenente de alcalde, “facíase necesario habilitar unha nova zona de cruce pola estrada para que as rapazas e rapaces que empregan ese servizo puidesen facelo no lugar da parada con toda seguridade e sen ter que desprazarse a outro punto”.

A posta en marcha de novos pasos peonís forma parte das medidas que se están a poñer en marcha dende o Concello para a redución da sinistralidade. Nesta liña, o Goberno está a desenvolver diferentes medidas para incrementar a seguridade viaria no municipio, “co obxectivo de reducir o número de accidentes de tráfico e facer de Lalín unha vila máis segura e, en consecuencia, con maior calidade de vida”. Así, está previsto mellorar a iluminación nos pasos de peóns, e construír máis pasos sobreelevados ou limitadores da velocidade. En todo caso, esta última medida, segundo González Casares, “non se aplicaría de maneira xeneralizada, senón estratéxica”, tal e como se vén facendo nos últimos meses cun investimento superior aos 25 mil euros. 

Roteiros de Lalín